A Xunta pon en valor nos novos ‘Domingos Vivos’ de Ribadavia a decena de locais comerciais rehabilitados e abertos ao público no marco da iniciativa Vilas Vivas

José González destaca a ampla programación cultural —música, obradoiros, catas e rutas guiadas— que se repetirá cada primeiro domingo de mes para complementar a aposta polo comercio local e a apertura de novos negocios dentro de Vilas Vivas

A maiores da Casa da Artesanía de Galicia, lembra que xa se puxeran en marcha establecementos de produtos agroalimentarios e artesanais e unha tenda efémera, aos que se sumaron hoxe unha viñoteca, un espazo inclusivo e unha tenda téxtil

Como proxecto piloto en colaboración co Concello de Ribadavia que logo se prevé estender por Galicia, salienta que Vilas Vivas busca recuperar a actividade comercial do casco histórico, coa previsión de ter operativos 15 locais novos este ano

Todo enmarcado no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, ao abeiro do que tamén se asinará un convenio co Concello de Ribadavia para promover a reforma e modernización da súa praza de abastos, de cara a obter o selo de Mercado Excelente

Ribadavia (Ourense), 5 de xullo de 2025.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, comprobou hoxe a apertura de tres novos locais ata roldar a decena no marco do proxecto de dinamización Vilas Vivas impulsado de xeito piloto en Ribadavia en colaboración co Concello. Acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e polo alcalde ribadaviense, César Fernández, o conselleiro foi testemuña ademais do arranque do programa Domingos Vivos, que se repetirá cada primeiro domingo de mes cunha ampla programación cultural —que incluirá música, obradoiros, catas e rutas guiadas— co gallo de complementar a aposta polo comercio local.

Máis aló da Casa da Artesanía de Galicia —que desde a súa apertura o pasado Nadal se está a consolidar como espazo permanente para a posta en valor dos oficios tradicionais e a comercialización de artesanía—, González recordou que xa estaban en marcha diversos negocios de produtos agroalimentarios e artesanais. Este domingo sumáronse tres máis, en concreto, a viñoteca O Escaparate —da adega Cume do Avia-, o espazo inclusivo Pequeno Ribeiro (ambos na rúa Yáñez) e a tenda téxtil Sarto, na praza Maior. Ademais, púidose visitar a tenda Sesentaeoito da cooperativa do Ribeiro Viña Costeira, que abrirá en breve na rúa Salgado Moscoso.

O titular de Comercio salientou que proximamente están previstas novas aperturas, principalmente do sector téxtil, ás que cómpre engadir as melloras impulsadas noutros negocios ao abeiro de Vilas Vivas. Todo no marco —recordou— da iniciativa autonómica concibida para revitalizar cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e da súa posta a disposición das persoas comerciantes e artesás. No caso deste piloto, prevese abrir este ano un total de 15 establecementos distribuídos por tres rúas e prazas do casco histórico. 

O conselleiro enmarcou este proxecto no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, ao abeiro do que tamén se asinará —adiantou— un convenio co Concello de Ribadavia para promover a reforma e modernización da súa praza de abastos de cara á obtención do selo de Mercado Excelente.

Domingos Vivos

Este domingo a programación cultural arrancou cunha combinación de música na rúa —a cargo de Miguel Cerqueira e Nuno Louro, na praza de San Xoán— e degustacións gastronómicas en parte dos locais abertos no marco de Vilas Vivas, en concreto, no Recuncho do Birrán, O Colmado de Sabores e O Escaparate. A programación especial repetirase con diferentes protagonistas cada primeiro domingo do mes, coa finalidade de dinamizar o consumo de proximidade nun ambiente festivo. 

Dentro da iniciativa autonómica en colaboración co Concello de Ribadavia, tamén haberá rutas guiadas pola vila, que arrancaron este pasado venres e foron gratuítas ata hoxe. Durante todo o mes, repetiranse centradas na pegada da época medieval e da poboación xudía no casco histórico, e nos grandes mosteiros e igrexas da comarca.

A partir do 20 de xullo, a clientela dos establecementos adheridos poderá solicitar ademais os seus rascas para entrar no sorteo de 1.000 premios que van desde descontos nas tendas, botellas de viño do Ribeiro a estancias en hoteis e balnearios. Os boletos non premiados participarán nun sorteo mensual que se celebrará nos Domingos Vivos, na praza de San Xoán.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2026