Medio Rural inicia as accións formativas sobre incendios forestais ao abeiro do convenio con Finsa
Os primeiros cursos leváronse a cabo os pasados días 29 e 30 de xuño na base de Campiño e o 1 de xullo no Centro Integral de Loita contra o lume de Toén para persoas vinculadas á empresa que traballan no monte, comunidades de montes veciñais en man común e persoal propio de Finsa
As xornadas, cunha duración total de oito horas, estrutúranse nunha fase teórica con nocións sobre o comportamento do lume, tácticas e medios de combate; e nunha parte práctica
Este acordo asinouse o pasado 22 de xuño e representa un avance máis na cooperación entre a Xunta e diferentes entidades e organismos, tanto públicos como privados, para reforzar o labor preventivo e de detección temperá que desenvolve o dispositivo
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2026.
A Consellería do Medio Rural iniciou as accións formativas e de divulgación sobre incendios forestais ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa empresa Finsa nesta materia, e que ten como obxectivo reforzar a aposta pola cooperación na prevención dos lumes. Estes cursos van dirixidos a persoas vinculadas á empresa que traballan no monte, comunidades de montes veciñais en man común e persoal propio de Finsa.
As primeiras xornadas enmarcadas nesta iniciativa leváronse a cabo os pasados días 29 e 30 de xuño na base de Campiño, no concello pontevedrés de Pontevedra; e o 1 de xullo no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén. Estas accións, cunha duración total de oito horas, estrutúranse nunha fase teórica con nocións sobre o comportamento do lume, tácticas e medios; e nunha parte práctica con demostracións de funcionamento de vehículos. Tamén se dá información sobre prevención e autoprotección. Estas sesións complementaranse tamén cunha visita a unha base aérea. As vindeiras accións terán lugar a semana que vén no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte.
Convenio de colaboración con Finsa
Este acordo asinouse o pasado 22 de xuño e representa un avance máis na cooperación entre a Xunta e diferentes entidades e organismos, tanto públicos como privados, para reforzar o labor preventivo e de detección temperá que xa desenvolve o propio dispositivo autonómico fronte ao lume e que constitúe un dos eixos centrais do seu traballo, xunto coa extinción, a investigación ou a formación do persoal, entre outros ámbitos.
En concreto, esta colaboración con Finsa, que estará vixente por primeira vez durante este ano 2026, artéllase mediante o deseño, organización e execución conxunta dun programa formativo e de sensibilización, orientado a mellorar a cultura preventiva compartida no territorio, a seguridade e a capacidade de autoprotección no medio rural.