O conselleiro de Sanidade, acompañado pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, asinou o convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e Érguete-Integración

O Servizo Galego de Saúde e a fundación Érguete-Integración renovan a súa colaboración para a incorporación social da poboación reclusa con trastornos adictivos

A Consellería de Sanidade financia con 126.143 euros programas e actividades de inserción da poboación que estivo no cárcere

O programa ITÍNERE, no que se enmarca esta colaboración, permite adquirir ou completar competencias profesionais e as técnicas máis axeitadas para acceder ao mercado laboral

Ao abeiro desta colaboración, o pasado ano foron atendidas máis de 515 persoas, 373 homes e 142 mulleres

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2026

O Servizo Galego de Saúde vén de renovar o seu convenio de colaboración coa Fundación Érguete-Integración para facilitar a incorporación social da poboación con trastornos adictivos que estivo reclusa.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, asinou este convenio co presidente da fundación Érguete-Integración, Rubén Cagiao Avedaño.

O programa de actividades ITÍNERE, no que se enmarca esta colaboración, ten como obxectivo executar un conxunto de actuacións a través das cales a poboación que estivo reclusa poderá adquirir ou completar a súa cualificación e competencias profesionais, coñecer a situación do mercado laboral e as técnicas máis axeitadas para acceder a este, así como recibir, no seu caso, apoio específico para o seu proceso de inserción laboral.

A Xunta destina 126.143 euros a esta colaboración, que o pasado ano permitiu atender máis de 515 persoas por parte da asociación, 373 homes e 142 mulleres.

O prazo de vixencia do acordo asinado remata o 31 de decembro.

O ámbito territorial de aplicación deste programa estenderase aos internos e internas, que se atopen en proceso de excarceración nas institucións penitenciarias da Lama (Pontevedra), O Pereiro de Aguiar (Ourense), Teixeiro (A Coruña), o Centro de Inserción Social “Carmen Avendaño” (Vigo-Pontevedra), e o Centro de Inserción Social “Carmela Arias y Diaz Rábago” da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/07/2026