Rueda pon en valor a colaboración coa Garda Civil de Tráfico para optimizar a seguridade viaria e a resposta ante as emerxencias
O presidente da Xunta mantivo un encontro co coronel Antonio Hidalgo, xefe do sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana un encontro co coronel Antonio Hidalgo, xefe do sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia, no que se puxo en valor que a colaboración entre ambas institucións permite optimizar a seguridade viaria na Comunidade e a resposta ante as emerxencias.
Tal e como se subliñou na xuntanza, desde os servizos de Emerxencias da Xunta mantense un contacto permanente, tanto por temas de seguridade, como por eventos deportivos ou culturais. Ademais, axentes de Tráfico da Garda CIvil acoden a diferentes accións de formación na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Do mesmo xeito, o departamento que dirixe Hidalgo coordina as operacións de vixilancia nos períodos de máxima circulación, para o que contan cos xestores das infraestruturas viarias autonómicas e os servizos de Protección Civil.
Ademais, o sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia participa e colabora cando se activan os plans ante emerxencias de protección civil na comunidade autónoma por diferentes riscos. E, tal e como se lembrou no encontro, durante o pasado verán efectivos deste corpo procedentes de Galicia, Castela e León e Estremadura traballaron nos dispositivos especiais por incendios forestais, incluíndo cortes de tráfico e controis de acceso ás áreas afectadas.