A campaña estival de doazón de sangue “Un alento de vida” chega ao concello de Culleredo

O municipio coruñés acadou no 2025, con 849 doazóns, un índice de de participación de 27 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano

Ao redor de 170 concellos recibirán a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de obter 400 doazóns diarias no período estival

Unha unidade móbil visitará este concello os días 7, 8 e 15 deste mes

Culleredo (A Coruña), 6 de xullo de 2026.-  O Concello de Culleredo súmase á campaña de verán “Un alento de vida”, que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante os meses de verán. Para facilitar a colaboración dos veciños e veciñas deste municipio coruñés, unha unidade móbil da Axencia efectuará, ao longo das vindeiras xornadas, as seguintes visitas:

Martes, 7 de xullo: unidade móbil diante do edificio do Concello de Culleredo, das 15,45 ás 21,00 horas.

Mércores, 8 de xullo: unidade móbil na Praza de Europa no Burgo, das 09,30 ás 14,30 e das 15,30 ás 21,00 horas.

Xoves, 15 de xullo: unidade móbil ao carón do quiosco de Fonteculler, das 16,00 ás 21,00 horas.

Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.

A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.

Colaboración fundamental

A campaña “Un alento de vida” lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.

Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.

Elevar a participación

A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Culleredo que doan sangue.

Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio coruñés acadou, con 849 doazóns, unha taxa de 27 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que se atopa por baixo da media galega (39/1.000), polo que o obxectivo pasa por incrementar progresivamente a participación cidadá.

A Axencia convida á veciñanza de Culleredo a acudir a doar sangre, lembrando que pode participar calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2026