O conselleiro de Sanidade inaugurou esta mañá a III Xornada de Boas Prácticas en Saúde Mental, que reúne en Santiago de Compostela expertos de toda España

Gómez Caamaño subliña a posta en marcha da Rede galega de psicoloxía clínica en atención primaria como exemplo de boa práctica para a abordaxe comunitaria dunha patoloxía con incidencia crecente

Sinala que a saúde mental se converteu nun desafío sanitario e social de primeira magnitude, e considera necesario ofrecer solucións coordinadas, sendo innovadores e apostando pola evidencia científica

Remarca que a rede galega de psicoloxía supón un cambio de modelo que reforza a capacidade asistencial, facilita un acceso máis temperán á atención e consolida o traballo interdisciplinar

Destaca que o novo Plan estratéxico de saúde mental que a Xunta presentará en breve para o período 2026-2030 ten como eixes fundamentais a prevención, a humanización, a coordinación asistencial, a innovación e a avaliación de resultados

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe a posta en marcha da Rede galega de psicoloxía clínica en atención primaria como exemplo de boa práctica para a abordaxe comunitaria dunha patoloxía con incidencia crecente como é a referida á saúde mental.

O titular da carteira sanitaria, acompañado pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz, interveu na inauguración da III Xornada de Boas Prácticas en Saúde Mental, organizada pola Xunta en colaboración co Ministerio de Sanidade e que reúne en Santiago expertos de diferentes comunidades autónomas. A xornada será clausurada polo xerente do Sergas, Luis León, e pola comisionada de Saúde Mental do Ministerio de Sanidade, Belén González.

Tal e como detallou o conselleiro, a saúde mental converteuse nos últimos anos nun desafío sanitario e social de primeira magnitude e, a tal efecto, considera necesario ofrecer solucións coordinadas, ser innovadores e apostar pola evidencia científica.

Neste senso, Gómez Caamaño incidiu en que a Rede galega de psicoloxía clínica posta en marcha pola Xunta no primeiro nivel asistencial supón un cambio de modelo que reforza a capacidade asistencial, facilita un acceso máis temperán á atención psicolóxica e, ademais, consolida o traballo interdisciplinar entre psicoloxía clínica, medicina de familia, enfermería, psiquiatría e traballo social.

No marco desta medida, o máximo responsable do Sergas referiu que a Xunta pasou de sete psicólogos clínicos a 28 este ano, co compromiso de acadar os 50 no ano 2030.

Novo plan de saúde mental

Esta rede galega de psicoloxía forma parte do novo Plan estratéxico de saúde mental, que a Xunta de Galicia presentará en breve para o período 2026-2030.

Esta plan do Goberno galego reforzará o modelo comunitario e integral de atención, tendo como eixes fundamentais a prevención, a humanización, a coordinación asistencial, a innovación e a avaliación de resultados.

Gómez Caamaño tamén citou outra dimensión esencial da recuperación, como é a creatividade. A tal efecto, puxo en valor os proxectos ArtEspida do Hospital Piñor; as iniciativas de música, teatro e produción audiovisual do Hospital Psiquiátrico de Conxo; e a radio comunitaria Filispim, co seu programa Reflexións dende Canido do hospital de día de psiquiatría de Ferrol, que amosan que a expresión artística pode converterse nunha poderosa ferramenta terapéutica.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu na importancia de seguir construíndo unha atención á saúde mental cada vez máis humana, innovadora e máis próxima.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/07/2026