A Xunta licita por máis de 435.000 € a subministración de sistemas de biopsia prostática guiada por fusión con destino aos servizos de uroloxía do Hospital Universitario da Coruña e do Meixoeiro de Vigo
A biopsia por fusión é unha das técnicas innovadoras máis eficaces para detectar o cancro de próstata
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 20 de xullo para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2026
O Portal de Contratos Púbicos da Xunta publica hoxe a licitación, por un importe de 435.600 euros, do subministro de sistemas de biopsia prostática guiada por fusión con destino aos servizos de Uroloxía do Hospital Universitario da Coruña e o Hospital Meixoeiro de Vigo.
A biopsia por fusión é unha das técnicas innovadoras máis eficaces para detectar o cancro de próstata, permitindo dirixir a biopsia directamente ás lesións sospeitosas, grazas á combinación das imaxes obtidas mediante a resonancia magnética multiparamétrica e a ecografía en tempo real.
Así, a fusión é un proceso que combina estas tecnoloxías para crear un mapa detallado 360º da próstata coa fusión de imaxes previamente capturadas de resonancia magnética con imaxes de ultrasóns en directo procedentes do ecógrafo.
Este sistema presenta diversas vantaxes respecto á biopsia tradicional, como unha maior precisión, identificando ata un 96 % dos tumores significativos; menor número de pacientes que precisen dunha segunda biopsia de próstata; menos falsos negativos; menor risco de infeccións urinarias, prostáticas e sistémicas; menores complicacións e unha maior comodidade para o paciente.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 20 de xullo para presentar as súas ofertas.