A Xunta licita por máis de 467.000 € o servizo de mantemento das instalacións do Hospital Provincial de Pontevedra

O contrato ten como finalidade garantir o correcto funcionamento do edificio, dos equipos e das instalacións do centro hospitalario

A empresa manterá actualizado o inventario e fará pequenas reparacións que inclúen arranxos de obra civil, cerrallería, pintura e pavimentos entre outras

Tamén pretende minimizar os tempos de parada derivados das posibles avarías

A duración do contrato será dun ano, con posibles prórrogas ata 12 meses máis

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 3 de agosto

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2026

A Xunta publica hoxe no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por un importe de 467.292,56 euros, do servizo de mantemento e condución do edificio e das instalacións do Hospital Provincial de Pontevedra.

O obxectivo deste contrato é garantir que os equipos e as instalacións do hospital se manteñan en perfecto estado de conservación e funcionamento, asegurando a continuidade da actividade asistencial e minimizando os tempos de parada derivados de posibles avarías.

O servizo inclúe a realización de tarefas de mantemento, así como actuacións de mellora e de primeira intervención. Tamén contempla as asistencias técnicas necesarias para que os equipos e instalacións funcionen de acordo coas especificacións dos seus fabricantes durante toda a súa vida útil.

Ademais, a empresa adxudicataria colaborará na execución dos mantementos técnico-legais esixidos pola normativa vixente, manterá actualizado o inventario e a documentación das instalacións e realizará pequenas reparacións de obra civil, carpintería, cerrallería, pintura, persianas, pavimentos e outros elementos cando estas actuacións sexan consideradas urxentes ou críticas.

O contrato inclúe tamén a elaboración, execución e seguimento do Plan Funcional e Organizativo das instalacións.

A duración inicial do contrato será dun ano, coa posibilidade de prorrogalo ata 12 meses adicionais.

As empresas interesadas en participar neste procedemento poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de agosto ás 14.00 horas.

Data de actualización: 06/07/2026