Manuel Pardo supervisa os traballos de desentullo que Xunta e Deputación están a desenvolver en Viana do Bolo
Manuel Pardo puido comprobar o estado avanzado dos traballos necesarios de cara a avanzar na recuperación dos servizos e das infraestruturas danadas e impulsar actuacións que permitan dar unha resposta áxil ás necesidades dos veciños e veciñas
A este ritmo, o delegado territorial mantivo que os traballos en Pradocabalos posiblemente esteen rematados a mediados do mes de xullo e remarcou a total disposición e a celeridade do Goberno galego de intentar que “a situación volva ao que era antes da catástrofe e que isto debe facerse canto antes" e para iso non se van escatimar nin esforzos, nin recursos
O representante autonómico lembrou que a Xunta actuou desde o primeiro momento coa activación da alerta laranxa unha vez recibida a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e de MeteoGalicia
Ourense, 6 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado do alcalde de Viana do Bolo, Germán García-Ávila, do deputado provincial de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago, e técnicos da AXi, desprazouse esta mañá aos núcleos de Pradocabalos, A Bouza e Pixeiros, no concello de Viana do Bolo, para supervisar as obras de desentullo que se están a desenvolver en coordinación co ente provincial.
O delegado territorial puido comprobar o estado avanzado dos traballos necesarios de cara a avanzar na recuperación dos servizos e das infraestruturas danadas e impulsar actuacións que permitan dar unha resposta áxil ás necesidades dos veciños e veciñas.
A Xunta, da man da Deputación Provincial de Ourense, e trala contratación dunha empresa especializada, están a revisar as tarefas de retirada dos residuos e materiais arrastrados polas riadas co fin de favorecer a recuperación da normalidade no municipio e avanzar nos labores de limpeza e restauración das zonas afectadas.
Manuel Pardo salientou que no que se refire aos traballos de recuperación das infraestruturas afectadas, especialmente na rede viaria, en concreto na estrada OU-533, a Xunta actuou con axilidade para reparar os danos que as fortes choivas ocasionaron nun treito de 200 metros nesta estrada que une A Gudiña e A Rúa, no lugar de Pradocabalos, no concello de Viana do Bolo. En 24 horas xa se restablecera a circulación en ambos os dous sentidos e séguese a traballar para retirar con axuda da maquinaria pesada os materiais arrastrados no pontón existente no punto afectado, e recuperar a normalidade o antes posible.
A este ritmo, o delegado territorial mantivo que os traballos en Pradocabalos posiblemente esteen rematados a mediados do mes de xullo e remarcou a total disposición e a celeridade do Goberno galego de intentar que “a situación volva ao que era antes da catástrofe e que isto debe facerse canto antes" e para iso non se van escatimar nin esforzos, nin recursos.
Resposta inmediata
O delegado territorial lembrou que o Goberno galego actuou desde o primeiro momento coa activación da alerta laranxa unha vez recibida a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e de MeteoGalicia. A Xunta informou da situación a concellos, deputacións e aos servizos do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia para reducir os riscos e potenciais danos.
“Ademais, -engadiu Manuel Pardo- activáronse todos os recursos de emerxencia necesarios para atender as incidencias provocadas polas precipitacións. Así, segundo o informe presentado no Consello da Xunta da semana pasada, nos lugares afectados as riadas provocaron inundacións; arrastres masivos de terra, pedras e troncos; danos en vehículos, muros, alpendres e explotacións; cortes de estradas e accesos; así como afección a redes de abastecemento e electricidade”.
Ante estas incidencias o 112 Galicia recibiu case 2.400 chamadas que supuxeron a mobilización de ata 80 recursos, entre eles as agrupacións de voluntarios de Protección Civil da zona, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), e os servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento, que interviñeron xunto con outro persoal dependente das administracións autonómica e locais. As intervencións centráronse na protección das persoas, o achique de vivendas e locais, a retirada de árbores e materiais, a sinalización e corte de vías, a apertura de accesos alternativos, a limpeza da lama e a prestación de apoio aos concellos que requiriron maquinaria pesada.