A capital de Galicia acolleu este luns e martes unha xornada de boas prácticas que reuniu a expertos de toda España para o intercambio de experiencias innovadoras, programas e intervencións de saúde mental no ámbito sanitario
Galicia destaca o seu traballo en atención á saúde mental da xuventude no marco da III Xornada Estatal de Boas Prácticas que se celebra en Santiago de Compostela
Este martes, os participantes visitaron a Unidade de Atención Psicolóxica da USC, a Unidade de Saúde Mental da Infancia e Adolescencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e a Fundación Pública de Medicina Xenómica
As xornadas buscan reforzar un modelo de atención á saúde mental cun enfoque preventivo, máis accesible, comunitario e centrado nas persoas
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026
Galicia destaca o seu traballo en atención á saúde mental da xuventude no marco da III Xornada de Boas Prácticas en Saúde Mental, de alcance estatal, celebrada estes luns e martes en Santiago de Compostela.
O encontro, organizado pola Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, reuniu este luns e martes na capital galega expertos de todas as comunidades, que intercambiaron experiencias innovadoras, programas e intervencións de saúde mental no ámbito sanitario.
Visita á Unidade de Atención Psicolóxica da USC
O programa da xornada de hoxe comezou coa visita á Unidade de Atención Psicolóxica da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de coñecer de primeira man a colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e as universidades galegas que establece un protocolo común de acompañamento psicolóxico ao estudantado universitario.
Con esta iniciativa búscase reforzar a prevención, a detección temperá, a continuidade asistencial e a coordinación entre o servizos universitarios e o sistema sanitario público.
Coñecer de primeira man o funcionamento da Unidade de Atención Psicolóxica e as primeiras evidencias da posta en marcha deste modelo constitúe unha oportunidade de especial interese para avanzar neste ámbito, especialmente nun colectivo como o universitario, considerado prioritario no novo Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, que se presentará en breve.
Unidade de saúde mental da infancia e a adolescencia do CHUS
Os participantes no encontro tamén coñeceron esta mañá a Unidade de Saúde Mental da Infancia e da Adolescencia (USMIA) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, onde recentemente se completou unha actuación de humanización e mellora dos espazos e do mobiliario, orientada a crear un ambiente máis acolledor, funcional e adaptado ás necesidades dos nenos, adolescentes e as súas familias.
A intervención realizada combinou criterios de humanización, seguridade, accesibilidade e confort ambiental, contribuíndo así a mellorar a experiencia dos pacientes e o seu benestar emocional durante a espera.
Fundación Pública de Medicina Xenómica
A xornada finalizou cunha visita á Fundación Pública de Medicina Xenómica, onde se está a desenvolver un proxecto innovador que permite integrar a información xenética dos pacientes na selección e axuste dos tratamentos psicofarmacolóxicos, co obxectivo de favorecer unha medicina máis personalizada.
O seu potencial radica en optimizar a resposta terapéutica, reducir o tempo necesario para atopar o tratamento máis axeitado e incrementar a seguridade, ao diminuír o risco de efectos adversos e de interaccións farmacolóxicas, contribuíndo así a unha atención máis eficaz e de maior calidade para as persoas con trastornos mentais.
As III Xornada de Boas Prácticas en Saúde Mental busca reforzar un modelo de atención á saúde mental cun enfoque preventivo, máis accesible, comunitario e centrado nas persoas, promovendo a innovación e la colaboración entre servizos públicos de todo o territorio nacional.
A Consellería de Sanidade reafirma así o seu compromiso coa mellora continua do sistema sanitario e a promoción da saúde mental e o benestar emocional na cidadanía.