Belén do Campo salienta o compromiso da Xunta coa cultura na presentación do concerto Yandel Sinfónico, que chega á Coruña da man dos Concertos do Xacobeo
A delegada da Xunta destacou a aposta do Goberno galego polos grandes eventos musicais musicais e puxo en valor o papel de Concertos do Xacobeo para atraer á comunidade propostas culturais de primeiro nivel baixo o selo de Galicia Calidade
A Coruña, 8 de xullo de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na presentación do concerto Yandel Sinfónico, o espectáculo que o artista portorriqueño ofrecerá o vindeiro 12 de xullo no Coliseum da Coruña, dentro da programación de Concertos do Xacobeo.
Durante a súa intervención, Belén do Campo destacou que a chegada deste espectáculo consolida Galicia como escenario dos grandes eventos musicais internacionais e puxo en valor o papel de Concertos do Xacobeo para atraer á comunidade propostas culturais de primeiro nivel baixo o selo de Galicia Calidade.
A delegada territorial sinalou que Yandel, un dos grandes referentes da música urbana a nivel internacional, presenta neste novo formato unha reinterpretación dos principais éxitos da súa carreira acompañado pola orquesta Gaos que dirixe Fernando L. Briones, nun espectáculo que combina innovación, calidade artística e unha posta en escena singular. Ademais, lembrou que A Coruña será a única parada galega desta xira, despois do éxito acadado nos concertos celebrados en Madrid.
Belén do Campo destacou tamén o compromiso da Xunta coa cultura a través de Concertos do Xacobeo, un programa que financia máis dun cento de eventos ao longo dos próximos meses, dos cales 48 celebraranse na provincia da Coruña, con citas como Coruña Sounds, Noites do Porto ou Morriña Fest, entre outras.
Neste sentido, subliñou que esta iniciativa permite achegar a Galicia artistas e producións de primeiro nivel, ao tempo que dinamiza a economía local, impulsa o turismo, fortalece o sector cultural e proxecta a imaxe da comunidade como un destino de referencia para os grandes eventos.
A delegada territorial incidiu en que cada concerto supón un importante impacto económico para a hostalaría, o comercio e os servizos, ademais de contribuír á creación de riqueza e emprego nos municipios que os acollen.
Finalmente, Belén do Campo agradeceu o traballo dos promotores, dos equipos técnicos e das institucións implicadas na organización do evento e reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia de seguir apoiando iniciativas que sitúen Galicia no mapa dos grandes concertos internacionais e reforcen a súa oferta cultural ao longo de todo o ano.