A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou hoxe a contratación dos traballos para este novo itinerario

A Xunta licita as obras da senda peonil e ciclista na PO-313 entre Cadro e Cadrelo, no concello de Marín, por un orzamento de máis de 740.000 €

O itinerario esténdese ao longo preto dun quilómetro na marxe esquerda da estrada PO-313 e os traballos incluirán outras actuacións, como unha parada de autobús e varios treitos de varanda no percorrido

Allegue subliña a aposta da Xunta para avanzar na mobilidade sostible e segura coas sendas nas estradas autonómicas e destaca que a licitada hoxe completa as anteriores executadas na PO-313 desde Coirados e Pardavila ata Cadro

As empresas poderán presentar ofertas ata o 3 de agosto e prevese adxudicar os traballos ao longo deste segundo semestre do ano

Marín (Pontevedra), 8 de xullo de 2026

A Xunta licita as obras da senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-313 entre Cadro e Cadrelo, no concello de Marín, por un orzamento de máis de 740.000€ (741.529€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, avanzou hoxe a contratación destes traballos, que se prevén cofinanciar con fondos europeos FEDER.

O novo itinerario na PO-313, estrada que une Marín e Moaña, estenderase ao longo de case un quilómetro de percorrido na marxe esquerda do viario, en concreto desde os puntos 4+120 e 5+035, e terá unha anchura de entre 1,80 e 2,22 metros. Ademais, a actuación incluirá obras complementarias para garantir a funcionalidade da senda, como a habilitación dunha parada de autobús na contorna do pk 0+700, así como a execución de varios treitos de varanda ao longo do percorrido.

Allegue destacou que a Plataforma de Contratos de Galicia xa recolle esta licitación e sinalou que as empresas terán de prazo ata o 3 de agosto para a presentación das súas ofertas.

A conselleira enmarcou esta nova actuación no compromiso da Administración autonómica coa mobilidade sostible e segura e destacou que este novo treito de senda súmase aos anteriores executados nesta estrada desde Coirados e Pardavila ata Cadro, de xeito que se completará un itinerario seguro para os desprazamentos a pé ou en bicicleta ao longo dun total de 5km. “Queremos seguir dando a coñecer este fermoso concello de Marín -indicou- con percorridos accesibles para a veciñanza e visitantes”.

A Xunta axilizará no posible a tramitación para adxudicar as obras da senda ao longo deste segundo semestre do ano e o prazo de execución será de 12 meses, de xeito que como indicou Allegue o itinerario estará na súa recta final no ano 2027.

Subliñou tamén que se trata dunha actuación coordinada co Concello de Marín, ao existir actuacións municipais relacionadas con saneamento e abastecemento na mesma contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2026