O xerente do Servizo Galego de Saúde visita os hospitais comarcais do Barco de Valdeorras e de Verín para planificar as súas necesidades asistenciais
Luis León coñece os distintos servizos dos centrosco obxectivo de abordar as diversas realidades, tanto no eido organizativo como no estrutural e tecnolóxico
Remarca a aposta pola mellora da dotación dos hospitais comarcais, coa subministración de novos ecógrafos, mamógrafos e, onte mesmo, coa licitación dunha nova incubadora de transporte extrahospitalario para Valdeorras
O xerente do Sergas continúa así a rolda de visitas aos hospitais comarcais que o levou xa aos centros de Monforte de Lemos, do Salnés e de Cee
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, visitou este mércores o Hospital Público do Barco de Valdeorras e o Hospital Público de Verín, no marco da rolda de contactos que está a desenvolver para analizar a situación dos centros sanitarios galegos e planificar as súas necesidades asistenciais a corto e medio prazo.
Durante a visita, o xerente do Sergas coñeceu os distintos servizos dos centros co obxectivo de valorar as diversas realidades e horizontes, tanto no eido organizativo como no estrutural e tecnolóxico.
Lembrou a aposta do Servizo Galego de Saúde por mellorar a dotación dos hospitais comarcais, coa subministración de novo equipamento, como ecógrafos, mamógrafos e, onte mesmo, coa licitación para a subministración dunha nova incubadora de transporte extrahospitalario con destino ao Hospital Público de Valdeorras.
Con esta, xa son cinco as visitas do responsable sanitario aos hospitais comarcais, tras acudir en días pasados ao Hospital Público de Monforte de Lemos, ao Hospital Público do Salnés e ao Hospital Público Virxe da Xunqueira de Cee.
Estes encontros enmárcanse no firme compromiso da Xunta pola potenciación dos hospitais comarcais, consolidando as melloras continuas orientadas a incrementar a súa capacidade asistencial e optimizar a xestión global dos recursos públicos.