A Xunta incide na cooperación transfronteiriza como clave para reforzar a resposta ante as emerxencias

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no Porto na clausura do programa Atempo, liderado pola Axencia Galega de Emerxencias

A Xunta achegou 2M€ a este proxecto, beneficiario da terceira convocatoria de axudas do Programa Poctep 2021-2027

O proxecto reforzou durante os últimos catro anos a resposta conxunta ante emerxencias de Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal a través de protocolos comúns, formación e novas ferramentas tecnolóxicas

Porto, 8 de xullo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no Porto na clausura do programa europeo Atempo (Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias), un proxecto estratéxico liderado pola Axencia Galega de Emerxencias (Axega), beneficiario da terceira convocatoria de axudas do Programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027. A xornada contou tamén coa participación do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e do director xerente da Axega e coordinador do proxecto, Marcos Araújo, e coa asistencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Na súa intervención, Diego Calvo destacou que Atempo representa unha forma de entender a cooperación entre territorios que comparten fronteira, pero tamén riscos e desafíos comúns. Neste sentido, incidiu en que emerxencias como os incendios forestais, as inundacións ou os fenómenos meteorolóxicos obrigan a actuar cunha visión compartida, coordinando recursos, compartindo información e coñecemento e reforzando a formación conxunta dos profesionais para ofrecer unha resposta máis rápida e eficaz.

O conselleiro subliñou tamén que este proxecto dálle continuidade á colaboración que Galicia e Portugal levan anos desenvolvendo en materia de protección civil e contribúe a fortalecer a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Nesta liña, lembrou a importancia de seguir impulsando iniciativas estratéxicas compartidas, como a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto, o Estatuto do Traballador Transfronteirizo ou a cooperación en ámbitos como a innovación, a transición verde e dixital, a protección civil, a cultura, a protección do medio natural e a valorización da proximidade lingüística entre o galego e o portugués.

Do mesmo xeito, reivindicou os programas europeos de cooperación, que permiten sumar capacidades para resolver problemas comúns e ofrecer mellores servizos á cidadanía.

Proxecto con impacto sobre máis de 570.000 persoas

O acto de hoxe pon o punto final ao programa Atempo e a catro anos de cooperación entre Galicia, Castela e León e o norte de Portugal para reforzar a prevención, a coordinación e a capacidade de resposta ante emerxencias. Liderado pola Axega, o proxecto contou cun investimento de 4,8 millóns de euros, cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e foi recoñecido como unha operación de importancia estratéxica do Programa Poctep 2021-2027.

A iniciativa reuniu sete entidades participantes. A Axega, como socio líder e principal investidor con 2 millóns de euros, desenvolveu o proxecto en colaboración co Goberno de Castela e León e a Universidade da Coruña, pola parte española; e coa Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho), a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), a Garda Nacional Republicana (GNR) e o Instituto Nacional de Emerxencia Médica (INEM), pola parte portuguesa.

Ao longo destes catro anos de execución, os sete socios do proxecto desenvolveron un modelo común de asistencia transfronteiriza ante emerxencias, mellorando a interoperabilidade dos sistemas de protección civil, impulsando protocolos conxuntos de actuación e incorporando novas ferramentas tecnolóxicas para a coordinación operativa. O programa permitiu tamén reforzar a preparación dos servizos de emerxencias mediante accións formativas, simulacros conxuntos e o intercambio de coñecemento e boas prácticas entre os profesionais dos tres territorios.

Un dos eixos estratéxicos de Atempo foi a aposta pola innovación para mellorar a prevención e a resposta ante situacións de risco. Neste ámbito desenvolvéronse solucións baseadas en intelixencia artificial, mapas de isocronas, sistemas de apoio á toma de decisións e medios aéreos non tripulados co obxectivo de anticiparse ás emerxencias e optimizar a coordinación dos operativos.

As accións desenvolvidas por Atempo benefician os máis de 570.000 habitantes da área transfronteiriza, chegando indirectamente a máis de 9 millóns de persoas, e consolidan un modelo de cooperación baseado na coordinación e na confianza entre administracións, que poderá servir de referencia para afrontar os retos derivados das emerxencias e dos riscos naturais e tecnolóxicos noutros territorios europeos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2026