O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as dúas instalacións, pertencentes á rede pública autonómica
A Xunta mellora a escola infantil e o centro de día de Baiona cun investimento de 62.000 euros
Na escola cambiáronse recentemente as fiestras das aulas, dos comedores, da cociña, dos almacéns e do despacho de dirección
No centro de maiores acometeranse nos vindeiros meses traballos para a mellora da accesibilidade e evitar humidades ou filtracións de auga
Baiona (Pontevedra), 9 de xullo do 2026
A Xunta destina 62.000 euros a financiar obras de acondicionamento e reforma nos seus centros de atención á infancia e ás persoas maiores en Baiona. Estas actuacións enmárcanse no programa de melloras que, ao longo de todo o ano, se desenvolve nos equipamentos da rede pública autonómica.
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do concello, Jesús Vázquez Almuíña, visitou esta mañá tanto a escola infantil como o centro de día do municipio. Na primeira das visitas, Perfecto Rodríguez puxo en valor os traballos executados recentemente nesta escola 0-3, que consistiron na substitución das fiestras exteriores.
En concreto, os espazos nos que se instalaron novas fiestras foron as aulas, a cociña, os comedores, os almacén e o despacho de dirección. Esta intervención tivo un custo de 21.500 euros que financiou o ente autonómico a través do desconto nas liquidacións que abona o Concello pola prestación deste servizo.
Posteriormente, Perfecto Rodríguez e Jesús Vázquez Almuíña desprazáronse ao centro de día, onde anunciou que nos vindeiros meses o Consorcio realizará obras no mesmo dentro do plan de melloras de centros de maiores financiados con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). O investimento nesta actuación ascende a 40.400 euros.
Os traballos consistirán na mellora da accesibilidade, coa substitución do pavimento do espazo exterior do centro. Estas obras permitirán, ademais, a saída dos usuarios aos vehículos adaptados desde unha zona cuberta. Tamén se repararán elementos metálicos na terraza superior do edificio, coa finalidade de evitar humidades ou filtracións de auga. A maiores, acometerase a reparación de humidades interiores e pintado das áreas afectadas, e colocaranse toldos na zoa exterior axardinada.