O delegado da Xunta en Lugo e o alcalde da Pontenova abordan diversas actuacións para impulsar servizos e infraestruturas locais
Villares anunciou que o Goberno galego achegará 30.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental deste ano para mellorar a eficiencia enerxética do alumeado público de Vilaeimil, San Paio e Vilarxubín
A Pontenova (Lugo), 9 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro institucional co alcalde da Pontenova, Darío Campos, para abordar diversos proxectos de interese municipal.
Entre outros asuntos, Villares anunciou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes resolveu a orde de axudas convocadas este ano con cargo á liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, que contempla unha achega de 30.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética da rede de alumeado público de Vilaeimil, San Paio e Vilarxubín.
Estes apoios permitirán seguir avanzando no impulso das infraestruturas e servizos locais, apuntou o delegado, quen lembrou que na convocatoria de 2025 achegáronse 30.000 euros para a obra de eficiencia enerxética do alumeado público de Vilaboa, Couso, Barreiriñas e Vilarmide; e 18.000 euros para renovar a fosa séptica do núcleo de Vilar de Conforto.
Así mesmo, Villares referiuse a outras actuacións recentes, como o convenio de colaboración polo que a Consellería do Medio Rural destina neste exercicio preto de 48.400 euros para acondicionar a rede viaria municipal de Pacios – Labrada.
Esta xuntanza enmárcase na rolda de visitas institucionais que está a realizar o delegado territorial aos concellos lucenses para coñecer de primeira man as súas principais necesidades e demandas e traballar conxuntamente en favor dos intereses da provincia.