O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou aos participantes nas atividades que se desenvolven no centro FervenzAventura en Silleda

López Campos destaca o éxito dos minicampamentos nos que participan 876 nenos e nenas este verán

Trátase dunha das modalidades do programa ‘Modo Verán Activo’, que este ano aumentou en 300 as súas prazas, ata as 11.932, a maior cifra da historia

A provincia de Pontevedra concentra unha oferta para 425 nenos e nenas, de entre 9 e 12 anos, nesta opción que ten unha duración de cinco días

Destaca “o éxito desta liña que facilita a conciliación e convida a coñecer a riqueza natural e patrimonial de Galicia”

Incide “ na calidade das propostas dunha programación que permite á mocidade gozar dun tempo de lecer e educativo de primeiro nivel ata os 30 anos”

En concreto, nestas instalacións, a cativada realiza accións que teñen que ver cos coidados dos animais da granxa, coa aventura e o deporte

Silleda (Pontevedra), 10 de xullo de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, achegouse hoxe en Silleda ao Centro de Actividades FervenzAventura, onde se desenvolve o minicampamento Pequeaventura na Granxa. Trátase, tal e como lembrou, dunha das propostas da campaña da Xunta Modo Verán Activo, que deu comezo a finais de xuño e que se estenderá ata setembro, “cunha oferta total de 11.932  prazas, 302 máis que o ano pasado continuando na senda de crecemento dos últimos anos, acadando unha cifra histórica”.

Neste senso, durante a visita, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra,  Pablo Fernández, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, destacou que esta “este é un dos programas máis importantes do departamento no que ten que ver coa mocidade, xa que facilitamos oportunidades de gozar dun tempo de lecer e educativo de primeiro nivel ata os 30 anos”, engandindo que “así a xuventude pode empregar o seu tempo estival con multitude de propostas de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, sendo xa un referente a nivel estatal”.

López Campos coñeceu de primeira man as impresións da cativada, de entre 9 e 12 anos, que hoxe finalizou a segunda das catro quendas nas que se reparte esta actividade en FervenzAventura, con 35 nenos e nenas en cada unha delas, e que se corresponde cos minicampamentos Coñece Galicia. Así, puntualizou que é unha modalidade “que nos permite ofrecer unha proposta lúdico formativa en espazos naturais cunha duración de cinco días, favorecendo así a conciliación e convidando aos máis pequenos a coñecer a riqueza natural e patrimonial de Galicia”. Ademais, indicou, “é unha das liñas da campaña que procuramos aumentar e mellorar pola súa boa acollida, distinguíndose así do que son os propios campamentos”.

Deste xeito, este ano esta opción aumentou en preto de 100 as súas prazas con respecto á campaña de 2025, chegando ás 876, das cales 425 corresponden á provincia de Pontevedra con accións en sete instalacións en Tomiño, Poio, Sanxenxo, Meaño, Fornelos de Montes e esta de Silleda, localizada na contorna do río Toxa e próxima ao mosteiro de Carboeiro.

En concreto, Pequeaventura na Granxa inclúe actividades de granxa sobre coidados, alimentación, hábitos e costumes dos animais, horta ecolóxica, obradoiros ecolóxicos, iniciación á hípica, xogos de educación ambiental e aula de natureza; de aventura, poñendo o foco en técnicas de orientación e supervivencia; rutas de interpretación ambiental pola contorna; rocódromo e tirolesa, e  porpostas deportivas como son o tiro con arco, xincanas, xogos predeportivos e actividades acuáticas na piscina. A isto súmanselle outras accións que abranguen veladas de animación con xogos en equipo e actuacións e xogos nocturnos de habilidades e talentos.

Un verán con actividades ata os 30 anos

A maior oferta da campaña Modo Verán Activo correspóndese coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións. Tamén se lle dá continuidade ao paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas, e aos campos de voluntariado, destinados a persoas maiores de 18 anos, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria ata as 815 entre Galicia, outras Comunidades Autónomas e o estranxeiro.

Ademais desta oferta directa, con 1.270 prazas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026