A Xunta recibe o equipo que participou nas tarefas de busca e rescate tras os terremotos de Venezuela

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou a vocación de servizo, a preparación e a capacidade de resposta dos profesionais galegos en emerxencias internacionais

O operativo desprazado a Venezuela estivo integrado por efectivos da asociación Briegal e da ONGD IAE dentro do dispositivo estatal mobilizado por España

A Coruña, 10 de xullo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, recibiu hoxe aos integrantes da asociación Busca e Rescate Integral de Emerxencias de Galicia (Briegal), e da ONGD Intervención, Axuda e Emerxencias (IAE) que formaron parte do operativo coordinado pola Xunta para colaborar nas tarefas de rescate tras os terremotos en Venezuela.

Diego Calvo destacou durante o encontro que cada gran emerxencia pon de manifesto a vocación de servizo destes profesionais, que non dubidan en deixar atrás as súas familias e o seu traballo para acudir onde máis se lles necesita. Tamén recoñeceu a fortaleza psicolóxica necesaria para intervir en escenarios de gran dureza e impacto humano, nos que, ademais da preparación técnica, é preciso afrontar unha importante carga emocional.

Así mesmo, resaltou a experiencia acumulada polos equipos galegos de busca e rescate en emerxencias internacionais como os terremotos de Turquía e Libia, os recentes sismos de Venezuela ou a dana de Valencia. Ao seu xuízo, esta traxectoria demostra o alto nivel de preparación dos profesionais galegos e a súa capacidade para integrarse con eficacia en operativos internacionais de gran complexidade.

Diego Calvo reafirmou o compromiso da Xunta co reforzo do sistema galego de emerxencias, coordinando a actuación dos servizos de intervención e das entidades colaboradoras de protección civil, impulsando a súa formación continua e dotándoos dos medios materiais necesarios para seguir ofrecendo a resposta máis eficaz cando a cidadanía máis o necesita.

O operativo desprazado a Venezuela estivo integrado por dúas organización galegas. Por unha parte a asociación Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (Briegal), con seis bomberos rescatadores e a ONGD Intervención, Axuda e Emerxencias (IAE) con 11 efectivos, tres deles guías caninos, dous técnicos sanitarios e seis rescatadores rescatadores, dos que dous eran galegos e incorporáronse ao dispositivo estatal movilizado por España para colaborar en resposta aos terremotos.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Emerxencias, coordinou o desprazamento do equipo galego, dotouno do material necesario para a misión e mantivo a comunicación permanente co Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias (Cenem).

Especializado en busca e rescate urbano, o dispositivo galego conta con capacidade para realizar labores de corte e perforación, control de atmosferas, rescates con cordas e busca técnica. A súa participación nesta misión internacional volveu poñer de manifesto a importancia da cooperación entre administracións e organizacións especializadas para ofrecer unha resposta rápida e eficaz ante catástrofes de gran magnitude.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026