A Xunta recibe 14 ofertas para as obras da senda peonil e ciclista na PO-325 entre Vigo e Nigrán
A Administración autonómica licitou por 5,3 M€ estes traballos, que permitirán habilitar un itinerario continuo de 14 quilómetros da estrada, desde a contorna de Navia ata a entrada no núcleo urbano de Nigrán
A intervención cofinanciarase con fondos europeos FEDER e terá un prazo de execución de 18 meses
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2026
A Xunta recibiu un total de 14 ofertas para as obras da senda peonil e ciclista ao longo de 14,14 quilómetros da estrada autonómica PO-325 entre Vigo e Nigrán, licitadas por 5,3M€.
Esta actuación, que se cofinanciará con fondos europeos FEDER e terá un prazo de execución de 18 meses, permitirá habilitar dun eixo de mobilidade sostible ao longo deste viario autonómico, reformulando e completando a senda existente e coa inclusión tamén outras actuacións que reforzarán a seguridade viaria ao longo do percorrido.
Acadarase unha senda continua de 3m de ancho e uso compartido peonil e ciclista que arrancará na contorna do barrio de Navia e se prolongará ata o núcleo urbano de Nigrán, conectando zonas como Coruxo, Oia, Saiáns, Priegue, Panxón, Patos, Praia América ou A Ramallosa. O itinerario beneficiará a unha poboación de máis de 300.000 persoas e aos numerosos visitantes e peregrinos da ruta do Camiño Portugués pola Costa.
A intervención contempla ademais outras actuacións como a mellora de cruces, nova sinalización e iluminación, a reorganización de espazos e mellora dos pavimentos, a habilitación de zonas de descanso con mobiliario urbano, aparcabicicletas ou a habilitación de tres áreas de transferencia nas que aparcar o coche e continuar o paseo en bicicleta.
Así mesmo, prevense dúas novas glorietas para reforzar a seguridade, unha no punto quilométrico 2+550 en Vigo, preto de Coruxo e a outra no cruce de Monte Lourido, entre Praia América e A Ramallosa, á altura do punto quilométrico 14+650.