Martina Aneiros destaca o impacto social e ambiental da nova tenda de Moda RE en Ferrol

Ferrol, 9 de xullo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe a nova tenda de Moda RE, promovida por Cáritas Diocesana, que abriu esta semana na cidade.

Aneiros puxo en valor o traballo realizado no establecemento, “que vai moito máis aló de darlle unha segunda vida a roupa en bo estado, fomentando o comercio circular e reducindo o desperdicio téxtil e o impacto ambiental que este xera”. A representante autonómica salientou a cara máis social desta proposta, que ofrece formación e emprego a persoas en situación de vulnerabilidade, facilitando a súa integración no mundo laboral.

Durante o pasado ano 2025, Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol, a través de Moda RE, recolleu 278.981 kilos de roupa e recibiu máis de 300 doazóns de prendas, para o cal contan con 81 contedores de recollida en 27 municipios. Ademais, crearon tres postos de traballo de inserción social nos seus dous puntos de venda, situados no C.C. Odeón de Narón e no C.C. Alcampo Ferrol.

Aproveitando a visita, a delegada quixo tamén poñer en valor o labor social que realiza Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol durante todo o ano con diferentes actuacións de acción social e cooperación internacional. Destacou tamén as campañas de emerxencia que realizan dende a organización, como a enfocada ás vítimas dos recentes terremotos en Venezuela, “que demostrou, unha vez máis, a solidariedade das persoas ante catástrofes deste tipo”, sinalou Martina Aneiros, recordando que na primeira semana desta campaña se recolectaron máis de 18.500 euros en donativos.

Para rematar, a delegada animou a todo o mundo a achegarse á tenda e descubrir a proposta de Moda RE, realizando compras éticas e apoiando un proxecto que combina solidariedade, sustentabilidade e emprego digno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2026