A Xunta de Galicia impulsa en Ribadavia un obradoiro de xoiería coa técnica de bordado ao aire dentro do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas
A Casa da Artesanía de Galicia acolle esta fin de semana a formación impartida por Zeltia Rodríguez no marco da iniciativa pioneira de revitalización comercial que busca converter espazos en desuso en negocios rendibles e xeradores de emprego
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2026
A Casa da Artesanía de Galicia acolle esta fin de semana en Ribadavia un obradoiro de xoiería de bordado ao aire impartido por Zeltia Rodríguez, de Zeltia ao Aire (A Coruña). Esta actividade forma parte da programación de divulgación e de promoción da Artesanía de Galicia nesta vila ourensá, no marco do proxecto Vilas Vivas impulsado pola Xunta.
Neste obradoiro, as oito persoas asistentes inícianse no mundo do bordado ao aire mediante a elaboración dunhas pezas de xoiería baseadas en padróns tradicionais. Nas primeiras horas aprenden as nocións básicas, tales como rematar, moverse polo fío e facer o tipo de recheo. A segunda parte do curso consiste na elaboración das pezas de xoiería de bordado ao aire, en concreto, unha pulseira e uns pendentes. O horario do curso é de 11,30 a 14,30 e de 16,00 a 20,30h hoxe sábado, e mañá domingo de 11,00 a 15,00 horas.
Cómpre destacar que Vilas Vivas é un proxecto pioneiro de revitalización comercial impulsado pola Xunta en colaboración co Concello de Ribadavia co obxectivo de converter espazos en desuso en negocios rendibles e xeradores de emprego. Entre os locais acondicionados en Ribadavia atópase a Casa da Artesanía de Galicia, un espazo permanente de comercialización, de promoción e de divulgación do produto e dos oficios artesanais galegos, no que se están a realizar obradoiros abertos e cursos de formación desde o Nadal pasado, co obxectivo de contribuír á dinamización desta vila ourensá.
Na planta baixa deste edificio está aberto un espazo de venda directa de produtos da marca Artesanía de Galicia no que se comercializan pezas de cerámica, de xoiería e bixutería, de xoguetes, de tecido, de coiro, de complementos de moda e de figuras tradicionais de miga de pan. A tenda está aberta de xoves a sábado en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, e os domingos de 11,00 a 15,00 horas.