A Xunta executa 20 obras de mellora en centros educativos do Salnés cun investimento de 8,8 M€

O conselleiro de Educación supervisa a ampliación do Colexio Rosalía de Castro no Grove, unha actuación cun importe de máis de 1,6 millóns de euros

Están en marcha sete intervencións de gran envergadura por máis de 8,3 M€ e outras 13 reformas de conservación e mellora ao abeiro do Plan Ben_Estar 2026

O Grove (Pontevedra), 11 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia está a executar un total de 20 obras en centros escolares da comarca do Salnés cun investimento global de máis de 8,8 M€. Así o destacou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante unha visita á ampliación do Colexio Rosalía de Castro no Grove, unha das actuacións de gran envergadura que o Goberno autonómico ten actualmente en marcha na zona dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

O titular de Educación subliñou que a Xunta está realizando no Salnés sete intervencións de gran envergadura, cun investimento superior aos 8,3 millóns de euros. Entre elas destacan a ampliación do Centro Integrado de FP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, cun orzamento de máis de 3,7 millóns de euros, e a rehabilitación integral do Centro Público Integrado de Cuntis, con preto de 2 millóns de euros de investimento. “Seguimos avanzando non só na reforma e modernización dos máis de 1.600 edificios educativos de Galicia, senón tamén na creación de novos espazos que respondan ás necesidades presentes e futuras da comunidade educativa”, sinalou o conselleiro.

A maiores destas actuacións, a Xunta aproveita o período estival para desenvolver 13 obras de pequena e mediana envergadura na zona, cun investimento de máis de 500.000€ a través do Plan Ben_Estar 2026. Trátase de mellorar o benestar, a accesibilidade, a conservación e o mantemento dos centros con intervencións como renovación de baños, a reparación de cubertas, a mellora de peches e muros ou posta a punto das instalacións. No caso do Grove, este verán están a executarse obras no Colexio As Bizocas, no Plurilingüe Conmeniño e no IES Monte da Vila, cun investimento superior aos 125.000€.

Ampliación do Colexio Rosalía de Castro

Durante a súa visita ao CEIP Rosalía de Castro, o representante do Executivo galego comprobou o avance das obras de ampliación do centro, onde xa estivo meses atrás, unha actuación que xa supera o 40% de execución e que se prevé rematar antes de finalizar o ano. O conselleiro destacou que esta intervención suporá unha “mellora moi importante” para a comunidade educativa, ao dotar o colexio de instalacións máis amplas, modernas, accesibles e adaptadas ás necesidades do alumnado.

A obra contempla a construción dun novo edificio de dúas plantas no lugar das antigas vivendas de mestres, onde se habilitarán un comedor de maior capacidade e un ximnasio, ademais de vestiarios, almacéns e outros espazos de servizo. O inmoble, de case 1.000 m², incorporase con criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade, incluíndo unha nova caldeira de biomasa e melloras na accesibilidade con novas ramplas de acceso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2026