Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe

Foi desactivada esta madrugada a Situación 2 no incendio do concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segue activo e afecta arredor de 90 hectáreas

Activo un incendio no concello coruñés de Laxe, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 100 hectáreas

Tamén permanece activo outro lume no municipio de Vimianzo, que afecta unhas 40 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe.

A CORUÑA

Activo Laxe-Nande

Está activo, desde as 21.55 horas de onte sábado, un lume no concello de Laxe, parroquia de Nande, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 100 hectáreas de superficie afectada. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 2 técnicos, 13 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 4 pas e 2 unidades técnicas de apoio.

Activo Vimianzo-Salto

Está tamén activo, desde as 20.16 horas de onte, un incendio no municipio de Vimianzo, parroquia de Salto. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 unidade técnica de apoio.

LUGO

Activo Ribas de Sil-Soutordei. Desactivada a Situación 2

Permanece activo, desde as 18.22 horas de onte sábado, o incendio do concello de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 90 hectáreas. Neste lume foi desactivada esta madrugada a Situación 2, que fora decretada, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas. Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 15 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 12/07/2026