Rueda resalta que a Xunta facilitará o coñecemento das prohibicións de consumo de alcohol, bebidas enerxéticas, tabaco e cigarros electrónicos por menores con sinalización clara e homoxénea

Salienta que o Consello avalía a elaboración da orde que regulará os modelos oficiais, que concretarán como deben ser os carteis e onde colocalos

A sinalización oficial estará accesible na web da Consellería de Sanidade para favorecer a información entre os sectores económicos implicados

“O obxectivo é contar cunha única sinalización en Galicia”, indicou o presidente

Todos os locais que vendan este tipo de produtos deberán contar con estes carteis

Trátase do desenvolvemento da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas coa que Galicia foi pioneira no Estado fronte ao consumo de novos produtos como os vapeadores ou as bebidas enerxéticas

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace ao inicio da tramitación da orde “que vai regular tanto os carteis oficiais sobre as prohibicións de consumo de alcohol, bebidas enerxéticas ou vapeadores entre os menores de idade como os lugares nos que deben estar colocados”.

Trátase de seguir avanzando na difusión e o coñecemento das novas medidas recollidas na Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas, grazas á que  “Galicia foi a primeira comunidade en España en prohibir o consumo de bebidas enerxéticas entre os menores”.

O Consello da Xunta avaliou hoxe o informe da Consellería de Sanidade sobre a elaboración da orde pola que se regularán a sinalización vencellada a esta lei e que, antes da súa aprobación, será remitida ao Consello Consultivo para a súa toma en consideración.

Deste xeito, o Goberno galego pretende evitar distintas interpretacións da norma sobre como deben ser os carteis e onde colocalos para a correcta información á cidadanía. Para iso, os carteis oficiais estarán accesibles na web da Consellería de Sanidade para facilitar o seu uso polos sectores económicos implicados.

No ámbito da saúde pública, a prevención comeza pola información e por iso regularase a sinalización relativa tamén á prohibición do acceso de menores a centros de produción de bebidas alcohólicas, a limitación de acceso de menores de 16 anos a determinados espazos de lecer e a información sobre para que idades están clasificados os videoxogos á disposición dos consumidores.

Os carteis deberán ser permanentes, escritos en galego e castelán e cun tamaño mínimo de DIN A4 e ser visibles tanto desde o exterior como desde o interior.  Tal e como explicou o presidente, o obxectivo é que exista “unha única sinalización en toda Galicia” que deberán usar en todos os locais que vendan este tipo de produtos como supermercados, bares, estancos ou tendas de videoxogos.

As medidas da Xunta promoven contornas saudables para a infancia e a adolescencia. Así, Galicia converteuse este ano na primeira comunidade autónoma que toma medidas ante novas formas de consumo de risco para a saúde da xuventude e foi pioneira ao prohibir o consumo de bebidas enerxéticas ou vapeadores por menores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2026