Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe

Estabilizado o incendio do concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 180 hectáreas

Permanece controlado o incendio rexistrado nos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, tras iniciarse nas parroquias de Salto (Vimianzo) e Nande (Laxe); afecta unha superficie aproximada de 220 hectáreas

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026.

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe.

A CORUÑA

Controlado Vimianzo-Laxe

Permanece controlado, desde as 23.37 horas de onte domingo, o incendio rexistrado nos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, que se fusionou, como un único lume, tras unirse os iniciados na parroquia de Salto, en Vimianzo, ás 20.16 horas do sábado, e na de Nande, en Laxe, ás 21.55 horas tamén dese día.

Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie arredor de 220 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado e conxunto, 4 técnicos, 53 axentes, 65 brigadas, 57 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 1 avión.

LUGO

Estabilizado Ribas de Sil-Soutordei

Ás 18.47 horas de hoxe deuse por estabilizado o incendio do concello de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 180 hectáreas.

Neste lume, que se iniciou ás 18.22 horas do sábado, foi preciso declarar a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas, unha situación operativa que quedou desactivada na madrugada do domingo. Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado, 8 técnicos, 37 axentes, 53 brigadas, 40 motobombas, 4 pas, 9 helicópteros e 8 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 13/07/2026