O conselleiro de Sanidade, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, visitou a Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais
Gómez Caamaño subliña o labor de Aspaneps a prol da integración e o benestar emocional da poboación infanto-xuvenil de Ferrolterra, onde o pasado ano prestou atención a máis de 630 menores
Sinala que a Xunta achega á entidade 150.000 € para coordinar unha atención especializada como enlace coa asistencia do Servizo Galego de Saúde
Destaca a próxima posta en marcha dunha nova área de atención á saúde mental Infanto-Xuvenil no Hospital Naval de Ferrol, cun investimento da Xunta de máis de 740.000 €
O Goberno galego aprobará nas próximas semanas o novo Plan de Saúde Mental de Galicia 2026-2030 para reforzar a atención a estes pacientes
Ferrol, 14 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou, na súa visita á Asociación de pais e nenos con problemas psicosociais (Aspaneps), o labor da entidade a prol da integración e o benestar emocional da poboación infanto-xuvenil de Ferrolterra, onde o pasado ano prestou atención a máis de 630 menores.
Así, 402 foron atendidos a través do programa de enlace coa unidade de saúde mental do Servizo Galego de Saúde, 118 no programa socioeducativo e 116 no programa Oriéntame.
Na visita ao centro, onde estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, pola sudirectora de Atención á Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, e por representantes da área sanitaria de Ferrol, o responsable sanitario sinalou que o Executivo galego achega 150.000 euros para garantir unha atención especializada, gratuíta e de calidade ás familias, no marco do convenio de colaboración coa asociación de apoio psicolóxico.
Gómez Caamaño tamén destacou a próxima posta en marcha dunha nova área de atención á saúde mental Infanto-Xuvenil no Hospital Naval de Ferrol, cunha superficie de 800 m² e un investimento de máis de 740.000 euros.
Deste xeito, o Goberno galego segue a apostar por un axeitado tratamento do benestar emocional.
Proba disto é o Plan de Saúde Mental 2026-2030, unha estratexia que busca reforzar e modernizar a rede pública de saúde mental, ofrecendo unha atención máis accesible, coordinada, comunitaria e centrada nas persoas.
Case cinco décadas de traballo coordinado
A Asociación de pais de nenos con problemas psicosociais é unha entidade de iniciativa social e sen ánimo de lucro creada en 1980. Ten como misión dar resposta biopsicosocial ás unidades familiares con menores ao seu cargo e/ou persoas con discapacidade intelectual, en coordinación coa comunidade, buscando favorecer a súa autonomía persoal e integración social, potenciando o seus recursos.
No pasado ano, Aspaneps atendeu as 239 solicitudes de admisión rexistradas e realizou preto de 3.400 consultas asistenciais, dando resposta á totalidade da demanda.