O centro comercial As Cancelas súmase mañá xoves á campaña estival de doazón de sangue ‘Un alento de vida’
A superficie comercial santiaguesa comezou a acoller a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue no ano 2013
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2026
O Centro Comercial As Cancelas de Santiago de Compostela súmase á campaña de verán ‘Un alento de vida’, que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante os meses de verán.
Para facilitar a colaboración dos traballadores e dos usuarios do recinto comercial, unha unidade móbil da Axencia estará estacionada o xoves 16 de xullo diante da entrada principal das 09.30 ás 14.30 e das 15.30 ás 21.00 horas.
O obxectivo desta iniciativa é achegar a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.
A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.
Elevar a participación
A Axencia e o Centro Comercial As Cancelas levan promovendo campañas de fomento da doazón desde o ano 2013 e agardan que esta nova visita acade un elevado nivel de participación da cidadanía, polo que están a desenvolver, nas xornadas previas á visita da unidade móbil, un intenso labor de distribución de información vencellada a este xesto solidario.
A ADOS quere amosar o seu recoñecemento á xerencia do Centro Comercial As Cancelas polo seu compromiso e especial sensibilidade a prol do solidario xesto da doazón, agradecemento que estende a todas as persoas que doan sangue.
Así mesmo, convida aos veciños e veciñas de Santiago de Compostela a acudir a doar sangre, lembrando que pode participar calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Colaboración fundamental
A campaña ‘Un alento de vida’ lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
Para máis información, ADOS dispón do portal web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.