O Diario Oficial de Galicia publica a modificación da lei que declara as prazas de persoal médico de urxencias hospitalarias de Ourense como postos de difícil cobertura
A partir de mañá mesmo puntuará o triplo o tempo traballado neste servizo
O Servizo Galego de Saúde convocará antes de que remate o ano un concurso de méritos para cubrir de forma estable as prazas médicas das urxencias do CHUO
A lei que declara as prazas médicas dos hospitais comarcais como postos de difícil cobertura, do ano 2022, xa permitiu cubrir 521 prazas, máis do 98 % das ofertadas
O Goberno galego, no marco das súas competencias, dá así resposta ás necesidades de persoal médico no servizo de urxencias ourensán
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2026
A Xunta publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia, a modificación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde, coa cal o Servizo Galego de Saúde inclúe as prazas do persoal da categoría de médico de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Desta forma, a Xunta ofertará as prazas vacantes polo sistema excepcional de acceso á condición de persoal fixo de concurso de méritos, é dicir, valorando a experiencia e a formación sen necesidade de superar o exame propio dunha fase de oposición.
Tal e como anunciou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Pleno do Parlamento, o Servizo Galego de Saúde, antes de finais de ano, realizará a primeira convocatoria por concurso de méritos para cubrir de forma estable as prazas das urxencias hospitalarias de Ourense.
A modificación legal establece, ademais, unha valoración especial da experiencia profesional. Cada mes de servizos prestados nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense computará, a partir de mañá mesmo, o triplo da puntuación que se estableza con carácter xeral para futuros procesos selectivos ou concursos de traslados.
O Goberno galego incentiva así a cobertura das prazas de persoal médico das urxencias hospitalarias de Ourense, que conta cun cadro de persoal de 50 profesionais e na actualidade ten ocupadas unicamente 25 prazas.
Desta forma, o Servizo Galego de Saúde toma medidas ante a situación de necesidade de persoal médico das urxencias hospitalarias ourensás.
Polo tanto, as prazas de facultativos das urxencias hospitalarias de Ourense serán incluídas como postos de difícil cobertura, ao igual que xa teñen esta consideración todos os postos de facultativo especialista dos hospitais comarcais de Cee, O Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.
Nunha situación de déficit de profesionais médicos en determinadas especialidades e en todo o Sistema Nacional de Saúde, a Xunta, dentro das súas competencias, xa conseguiu cubrir 521 prazas médicas de difícil cobertura, é dicir, máis do 98 % das prazas ofertadas desde que impulsou esta lei no ano 2022.
Melloras para o persoal de urxencias
A Xunta tamén aprobou este ano un paquete de melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo das urxencias hospitalarias das sete áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde co obxectivo de dar resposta ás demandas deste colectivo médico.
Entre outras medidas, desde o mes de xullo e de forma retroactiva desde o 1 de abril de 2026, aplicarase un incremento de 2 euros á hora da xornada complementaria, que acada os 34,56 euros e, no ano 2027, engadirase un incremento adicional de 3 euros por hora, ata acadar os 37,56 euros.
De media, as melloras laborais e retributivas para este colectivo supoñen 3.560 euros máis ao ano para cada médico de urxencias.
No que respecta á dotación de persoal, o Servizo Galego de Saúde leva anos reforzando a capacidade das urxencias hospitalarias para responder axeitadamente ás necesidades asistenciais. Na actualidade, hai 149 prazas máis de médicos de urxencias nos hospitais públicos galegos que en 2024.