O xerente do Servizo Galego de Saúde destaca o avance da modernización do Hospital Público da Mariña, que continuará cun investimento de 33,5 M€ nas próximas dúas fases do seu Plan director

A Xunta ten actualmente aberta a licitación das dúas novas fases para ampliar noutros 3.000 m2 a superficie do hospital, co que o centro vai ter un 50 % máis de superficie da que tiña inicialmente cando foi construído

Reformaranse preto de 9.500 m2, cun importante aumento do espazo nos servizos de Urxencias, o Punto de Atención Continuada e a Unidade de Coidados Intensivos, entre outras

O proxecto tamén inclúe a reforma dos quirófanos de cirurxía maior ambulatoria, da unidade de pediatría, da UCI, das urxencias, da área de diagnóstico por imaxe ou dos espazos de medicina preventiva

O hospital comarcal é referencia para máis de 70.000 veciños da Mariña, atende cada ano preto de 110.000 consultas, 26.000 urxencias, 6.000 ingresos e realiza máis de 5.200 intervencións cirúrxicas

Con esta visita, xa son seis os hospitais comarcais aos que acudiu o xerente do Servizo Galego de Saúde na rolda de contacto que iniciou no pasado mes de xuño

Burela (Lugo), 15 de xullo de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, visitou hoxe o Hospital Público da Mariña, onde puxo en valor o proceso de modernización e ampliación integral do hospital comarcal tras celebrar o seu 40 aniversario. A Xunta ten actualmente aberta a licitación das dúas novas fases do seu Plan director para ampliar e reformar o centro sanitario cun investimento de 33,5 millóns de euros.

Xunto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e a directora do distrito sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, o xerente do Sergas continuou a rolda de visitas que está a realizar aos hospitais comarcais para coñecer de primeira man a situación dos centros sanitarios galegos e analizar as súas necesidades asistenciais a curto e medio prazo.

No caso do Hospital Público da Mariña, Luis León percorreu a zona de urxencias, o hospital de día de oncoloxía e a zona de hospitalización, acompañado tamén do director asistencial da área lucense, Fernando Fernández Lamelo, e a subdirectora médica do distrito da Mariña, Eva López Roca.

O xerente do Servizo Galego de Saúde destacou que o centro posto en marcha pola Xunta hai 40 anos xa ten rematada a primeira fase do seu Plan Director, tras un investimento de 12,5 millóns de euros que permitiu construír un novo edificio, ampliar as consultas externas e crear novas áreas asistenciais.

Agora, as fases segunda e terceira, en licitación por 33,5 millóns de euros, permitirán ampliar o hospital en 3.000 metros cadrados e reformar outros 9.500 metros cadrados.

Entre as actuacións previstas figuran a modernización das áreas de Urxencias, UCI, Diagnóstico por Imaxe, Laboratorios, Pediatría e Cirurxía Maior Ambulatoria, así como a creación de novos espazos docentes.

Unha vez finalizadas as obras, o recinto hospitalario superará os 26.000 metros cadrados de superficie, un 50 % máis que na súa configuración inicial.

Ampliación de servizos na Mariña

O Hospital Público da Mariña celebra este ano catro décadas de evolución nas que pasou de contar con 60 camas e 127 profesionais a dispoñer de 156 camas e un cadro de persoal formado por 832 traballadores.

Na actualidade, o hospital é o centro de referencia para máis de 70.000 veciños dos 14 concellos da Mariña, atendendo anualmente preto de 110.000 consultas, máis de 26.000 urxencias, arredor de 6.000 ingresos hospitalarios e realiza máis de 5.200 intervencións cirúrxicas.

Nos últimos anos incorporáronse novos servizos como o Hospital de Día Oncohematolóxico, as consultas de Oncoloxía, as unidades de Retina e Glaucoma ou programas específicos para pacientes crónicos.

Con esta visita, xa son seis os hospitais comarcais aos que acudiu o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, tras os encontros mantidos nos hospitais públicos de Monforte de Lemos, O Salnés, Virxe da Xunqueira de Cee, O Barco de Valdeorras e Verín, no marco do compromiso da Xunta co reforzo e modernización da rede hospitalaria comarcal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2026