A Xunta activa para mañá a alerta laranxa por chuvias no centro e na montaña de Lugo
Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal)
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros
Suspéndese mañá a actividade deportiva federada no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados, nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2026
A Xunta activou para mañá a alerta laranxa por chuvias no centro e na zona de montaña de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa activarase mañá a primeira hora da tarde no centro e na zona de montaña de Lugo por precipitacións con acumulacións de 30mm nunha hora.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, acordou a suspensión mañá da actividade deportiva federada no exterior, agás os deportes náuticos e acuáticos federados, nas zonas afectadas pola alerta laranxa. Os municipios afectados e os horarios de vixencia da alerta poden consultarse na web Deporte Galego.
Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse e non aparcar nas ribeiras dos ríos.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.