A Xunta avanza nos trámites para ampliar ata os 347.000 metros cadrados a superficie do polígono empresarial do Corgo

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, e o xerente de Xestur, Diego Toja, explicaron que o Goberno galego prevé aprobar definitivamente en setembro o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para impulsar a actuación

A iniciativa permitirá sumar ao parque 203.089 metros cadrados máis, dos que 118.244 serán de solo empresarial

O Corgo (Lugo), 17 de xullo de 2026

A Xunta está a axilizar os trámites para ampliar o polígono empresarial do Corgo. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, e o xerente do organismo público Xestur, Diego Toja, informaron sobre os pasos previstos para sumar 203.089 metros cadrados máis de superficie, dos que 118.244 serán de solo empresarial.

Segundo explicaron os responsables autonómicos, actualmente estase a avanzar na tramitación do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que permitirá facer realidade a ampliación. O documento foi remitido a principios de xullo á Dirección Xeral de Urbanismo para a emisión do informe previo á súa aprobación, que se estima que poida ser acordada polo Consello da Xunta no mes de setembro.

Unha vez executada a futura actuación, o parque empresarial do Corgo alcanzará unha superficie total de 347.248 m², dos que máis de 210.000 m² estarán destinados á implantación de novas actividades económicas e industriais.

O parque existente, promovido pola Xunta de Galicia, conta cunha superficie bruta de 144.159 m² e a totalidade das súas parcelas atópanse xa comercializadas, o que evidencia a elevada demanda deste parque empresarial e a necesidade de incrementar a súa capacidade.

Calendario previsto

Unha vez obtida a aprobación definitiva do PIA, tramitarase o correspondente proxecto expropiatorio, que ten como prazo previsto para o levantamento das actas previas á ocupación o primeiro semestre de 2027. Paralelamente, continúa a tramitación do proxecto de urbanización, que xa conta co correspondente informe ambiental favorable, e prevese a súa aprobación definitiva para ese mesmo período.

A continuación sairán a licitación as obras de urbanización, dando inicio á execución dunha actuación clave para ampliar a capacidade industrial do municipio e atender a demanda existente de solo empresarial.

A intervención suporá un investimento superior aos 11 millóns de euros. Villares resaltou que esta acción reafirma o compromiso da Xunta de Galicia coa creación de solo empresarial de calidade, coa atracción de novos proxectos industriais e coa xeración de emprego e actividade económica na provincia de Lugo.

Nese sentido, salientou outras actuacións en marcha como a ampliación dos parques empresariais das Gándaras (Lugo) e Xove; así como o desenvolvemento do polígono de Meira. En conxunto, a Administración autonómica está a impulsar arredor de 1,5 millóns de metros cadrados de solo empresarial en distintas fases de tramitación e urbanización, reforzando a competitividade da provincia e creando novas oportunidades para a implantación de empresas e a creación de postos de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2026