A Xunta licita por máis de 680.000 € a subministración de material funxible para a realización de intervencións de uroloxía na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

O expediente tamén inclúe a cesión do equipamento asociado a esta especialidade médica

Estes instrumentos permitirán tratar enfermidades urolóxicas como a hiperplasia prostática benigna ou a litíase renal de xeito máis sinxelo

As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 10 de agosto para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026

A Xunta publica hoxe no Portal de contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 681.835 euros, da subministración de material funxible para a realización de operacións de uroloxía na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

O expediente, distribuído en 2 lotes, tamén contempla a cesión do equipamento asociado a esta especialidade médica, así como o resto de accesorios necesarios para a súa correcta utilización.

O material que recolle no procedemento inclúe fibras desbotables para láser de holmio e funxibles para morcelador, co obxectivo de favorecer a prevención, rehabilitación e tratamento de enfermidades urolóxicas.

Estes instrumentos permitirán tratar enfermidades urolóxicas como a hiperplasia prostática benigna ou a litíase renal de xeito máis sinxelo.

Así, no caso da hiperplasia prostática benigna, os láseres permiten realizar extirpacións ou retirar o tecido de xeito seguro e con menos dificultades. Pola súa banda, no tratamento da litíase renal, o uso do láser está indicado para pedras grandes e/ou duras. Ademais, este material tamén permite practicar a nefrolitotomía percutánea, unha técnica innovadora de intervención para pedras de difícil acceso.

As empresas interesadas neste procedemento teñen de prazo ata o 10 de agosto para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 17/07/2026