A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou hoxe o arranque dos traballos

A Xunta inicia en Vimianzo as obras de prolongación da autovía da Costa da Morte, nas que inviste 36 M€

A actuación para ampliar a AG-55 abrangue 5,8 km desde Santa Irena ata a conexión coa estrada AC-532, cun percorrido que transcorre na súa totalidade por Vimianzo

Allegue destaca que as estruturas, coa futura construción de tres viadutos, supoñen a metade do investimento desta prolongación, con 18 M€

A conselleira subliñou o compromiso da Xunta para avanzar en infraestruturas “con planificación e orzamentos” e destaca que esta intervención permitirá mellorar “a conectividade e competitividade” da Costa da Morte

As obras terán un prazo de execución de 36 meses

Vimianzo (A Coruña), 17 de xullo de 2026

A Xunta inicia en Vimianzo as obras de prolongación da autovía da Costa da Morte, nas que inviste 36M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou hoxe o inicio dos traballos.

A actuación na AG-55 abrangue un total de 5,8km, desde Santa Irena ata a conexión coa estrada autonómica AC-532, cun percorrido que transcorrerá na súa totalidade por Vimianzo.

As obras comezaron na zona onde termina o treito de autovía actualmente en servizo, libre de peaxe e que conta cun total de 28 km, e inclúen nesta primeira etapa traballos de roza e movemento de terras para delimitar a traza da actuación, así como traballos de investigación xeotécnica para determinar as características do terreo cara a cimentación das futuras estruturas.

Son estas estruturas, precisamente, a parte máis ambiciosa desta actuación. Deste xeito, os tres viadutos que se construirán (2 sobre o río Grande e 1, o máis longo, de case 250 m, sobre o río Vimianzo), conlevan, como indicou a conselleira, practicamente a metade do investimento, con 18M€.

Ademais, a actuación prevé 2 enlaces e a previsión dun terceiro; seis pasos superiores, tres pasos inferiores e seis obras de drenaxe. As obras terán un prazo de execución de 36 meses.

Allegue subliñou o compromiso da Xunta para avanzar nas grandes infraestruturas coas que seguir vertebrando Galicia, “con planificación e a dotación de recursos” e destacou que a intervención permitirá mellorar a mobilidade, reducir tempos de viaxe e incrementarase a seguridade viaria, “o que conleva a mellora da competitividade e conectividade” da Costa da Morte.

Data de actualización: 17/07/2026