O titular de Sanidade visitou esta mañá a residencia de maiores A Veiga, en Láncara, para supervisar o avance do proceso de vacinación nos centros sociosanitarios

Gómez Caamaño subliña que a campaña de vacinación fronte ao pneumococo e o herpes zóster nas residencias de maiores permitiu administrar xa preto de 7.000 vacinas en 228 centros

Desde o pasado 16 de xuño, a Xunta está a desenvolver unha campaña de vacinación destinada a facilitar a inmunización dos usuarios dos centros sociosanitarios galegos

O Executivo galego vén de realizar un investimento de máis de 21,6 M € para a adquisición destas vacinas ao conxunto da poboación diana na comunidade

O conselleiro de Sanidade destaca que Galicia ampliará a administración da vacina reforzada fronte á gripe a todas as persoas con idades comprendidas entre 65 e 69 anos na vindeira campaña

Láncara (Lugo), 17 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá a residencia de maiores A Veiga, en Láncara, onde puido supervisar o avance da campaña de vacinación fronte ao pneumococo e o herpes zóster entre a poboación galega institucionalizada.  Nesta liña, avanzou que ata o de agora a Xunta xa leva administradas preto de 7.000 vacinas en 228 centros sociosanitarios.

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e pola xefa do Servizo de Prevención e Control de Enfermidades da Consellería, Susana Miras, o titular de Sanidade salientou que esta campaña ten como destinatarias as 22.500 persoas maiores que viven nos centros residenciais de Galicia.

Apuntou que o obxectivo desta iniciativa é facilitar a protección fronte a un virus e unha bacteria que poden provocar complicacións graves entre a poboación vulnerable. “Queremos eliminar todas as posibles barreiras de acceso ás vacinas e garantir que os nosos maiores poidan beneficiarse dunha medida preventiva sen necesidade de desprazamentos, dun xeito moito máis cómodo e seguro", explicou o conselleiro.

Segundo detallou Gómez Caamaño, desde a posta en marcha da campaña, o pasado 16 de xuño, e ata a comezos desta semana, xa se administraran un total de 6.778 vacinas nas residencias galegas. En concreto, subministráronse 5.544 doses fronte ao pneumococo e outras 1.034 fronte ao herpes zóster.

A Consellería de Sanidade está a administrar de xeito conxunto dúas vacinas específicas en función do historial clínico e a idade dos residentes. No caso da vacina fronte ao pneumococo adminístrase a vacina 20-valente mediante unha única dose intramuscular e a todas aquelas persoas que non foran vacinadas previamente.

No que atinxe á inmunización fronte ao herpes zóster, ofrécese a vacina ás persoas que este ano cumpren 65 ou 80 anos, así como a todas aquelas que os cumpriran desde que a vacina se incorporou ao calendario vacinal galego, no ano 2023.

Durante a visita, o titular de Sanidade remarcou o importante labor que está a realizar o Goberno galego no ámbito da prevención de enfermidades, unha aposta que lle permite a Galicia contar con calendario vacinal máis completo do mundo.

Nesta liña, lembrou a recente autorización do Consello da Xunta para investir máis de 16,2 M € na compra de 130.000 doses da vacina do herpes zóster, e os 5,4 M€ investidos para inmunizar a poboación fronte ao pneumococo.

Así mesmo, puxo en valor que na vindeira campaña, a Consellería de Sanidade ampliará a administración da vacina reforzada fronte a gripe a todas as persoas con idades comprendidas entre 65 e 69 anos.

Gómez Caamaño pechou a visita ao centro xerontolóxico agradecendo o traballo e a  rigorosa planificación que desenvolve a Dirección Xeral de Saúde Pública, facendo extensivo este recoñecemento aos equipos de Atención Primaria, á Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, e aos propios profesionais dos centros residenciais.

Data de actualización: 17/07/2026