A Xunta lamenta o novo revés para Galicia do Goberno central ao descartar a migración da rede ferroviaria a ancho internacional e novamente “sen informar nin diálogo”

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo advirte de que esta decisión consolida o monopolio de Renfe, dificultando a competencia e que a cidadanía poida desfrutar das vantaxes da liberalización ferroviaria como máis servizos e prezos máis baratos, ao igual que ocorre noutros territorios

O Goberno galego pedirá por carta explicacións por esta postura ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e ao coordinador europeo do Corredor Atlántico e reclamará coñecer explicacións sobre os criterios empregados no informe

A Administración autonómica incide na falta de interese do Ministerio con Galicia con falta de información tanto neste asunto como no detalle das actuacións do Plan Director do Corredor Atlántico

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamenta que,  unha vez máis, o Goberno central non teña en conta a Galicia no que ten que ver coas infraestruturas ferroviarias. A Xunta agardaba que o informe de análise sobre o cambio de ancho das vías ferroviarias -do ibérico actual ao estándar europeo ou internacional- coñecido hoxe incluíse a Galicia dentro do plan de migración pero non foi así. Por iso, considera que esta decisión evidencia a falta de interese do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible coas necesidades da Comunidade en materia ferroviaria.

Ademais, incidiu en que o Ministerio, como vén sendo habitual, toma decisións que afectan directamente á mobilidade da cidadanía sen diálogo e sen ofrecer información ás comunidades. Nesta liña, lembrou que o Executivo estatal leva meses evadindo este asunto pese ás reiteradas peticións de información por parte da Xunta.

Diego Calvo lembrou que a Xunta vén defendendo desde hai tempo a necesidade de avanzar na substitución do ancho ibérico, que segue presente en máis do 80% da rede ferroviaria galega, polo ancho internacional, comezando polo tramo Santiago-Ourense e para unha posible extensión posterior conxunto do Eixo Atlántico. Por iso criticou que “o Goberno tome estas decisións desde un despacho en Madrid, sen falar coas comunidades afectadas como Galicia e descartando toda a rede sen darnos explicación algunha a pesares de que coñecen as nosas demandas”.

Tamén fixo referencia ás consecuencias que supón este rexeitamento a cambiar de ancho de vía para a esperada segunda liberalización ferroviaria, dificultando a posible entrada de novos operadores ferroviarios e consolidando a posición de monopolio de Renfe. Así, esta situación impide que Galicia poida beneficiarse das vantaxes que xa están a experimentar outros territorios, cunha maior oferta de servizos e prezos máis baratos para as persoas usuarias.

Pese a que o Ministerio considera inviable a migración ao ancho internacional, cómpre aclarar que a entrada de novos operadores mantendo o actual ancho ibérico require prazos prolongados para a construción e adquisición de trens con rodamento desprazable, ao que se suma o reducido número de fabricantes existentes; factores que subliñan o xa importante custo económico que supón para os operadores a entrada en novos mercados. Polo tanto, na práctica suporá converter o intercambiador de Taboadela nun muro cara a esperada liberalización.

Para o conselleiro de Presidencia, esta decisión demostra unha clara falta de interese do Goberno central por mellorar o sistema ferroviario e avanzar cara a unha integración cos estándares europeos, precisamente nun momento no que a interoperabilidade ferroviaria nos corredores ferroviarios europeos resulta fundamental para a competitividade e o desenvolvemento económico e loxístico dos territorios.

A Xunta reclama coñecer o contido íntegro do informe e os criterios empregados para chegar a esta conclusión, xa que se trata dunha decisión de envergadura e de gran transcendencia para o futuro da rede ferroviaria no Eixo atlántico que esixe unha análise rigorosa de cada liña contando coas achegas das comunidades e non cunha perspectiva xeral e a escala macro baseada sobre todo en parámetros económicos.

Ante esta situación, Diego Calvo anuncia que a Xunta trasladará formalmente por carta, tanto ao coordinador europeo do Corredor Atlántico, François Bausch como ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, a preocupación do Goberno galego por esta decisión e solicitará explicacións sobre os criterios empregados no informe coñecido  hoxe. De feito, lembrou que este asunto foi abordado con motivo da visita do coodinador a Galicia, quen manifestou ou seu interese polas demandas da Xunta.

Neste sentido, no que se refire á inviabilidade económica que alega o Executivo estatal para rexeitar o cambio de ancho de vía, o conselleiro lembra que cando existe vontade política mobilízanse importantes investimentos como é o caso do incremento das achegas ao Plan de Rodalies 2020-2030. Por iso, insiste en que Galicia non pode quedar á marxe dos grandes eixos europeos de transporte e merece o mesmo compromiso porque “non queremos ser máis que ninguén pero tampouco menos” e a cidadanía galega precisa e infraestruturas e servizos ferroviarios de calidade.

Diego Calvo reiterou o compromiso da Xunta coa defensa dos intereses de Galicia en materia ferroviaria e asegurou que o Goberno galego continuará reclamando as actuacións e investimentos necesarios para que Galicia ocupe o lugar que lle corresponde no Corredor Atlántico. No que se refire precisamente ao Plan Director do Corredor Atlántico, o Goberno galego segue sen coñecer os detalles, pese as continuas peticións de que se achegue un documento definitivo coas actuacións, investimentos e calendarios previstos en lugar do power point coñecido ata agora.

A falta de información sobre este documento e sobre o propio informe de migración do ancho de vía, ao igual que a falta de interlocutor directo con Renfe e Adif sobre as constantes incidencias ferroviarias na comunidade, demostran a ausencia de transparencia do Ministerio e a falta  de compromiso coa Comunidade.

Para Galicia, o Corredor Atlántico é unha infraestrutura estratéxica e prioritaria  absoluta e, nesta liña, vén reclamando que se desbloqueen obras fundamentais como a liña de alta velocidade Vigo-Porto e tendo en conta os retrasos acumulados. A esta urxencia súmanse outras infraestruturas pendentes e ineludibles para a vertebración do noroeste, como a finalización da dobre vía na conexión con Madrid, a Variante de Ourense e as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián en Lugo. Ademais, no ámbito loxístico e de mercadorías, é necesario un maior apoio europeo para que os portos marítimos de Vigo e Ferrol sexan recoñecidos como infraestruturas esenciais na rede transeuropea, formando parte da Rede Básica (2030) e abandonando a súa actual clasificación na Rede Global (con horizonte a 2050).

Data de actualización: 17/07/2026