A Xunta destaca a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para reforzar a competitividade da Eurorrexión

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración do I Foro Atlántico Transfronteirizo

Sinalou a importancia de avanzar en infraestruturas prioritarias como o Corredor Atlántico do Noroeste ou o AVE entre Vigo e Porto para vertebrar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a Macrorrexión Atlántica que cómpre desenvolver

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración do I Foro Atlántico Transfronteirizo, onde puxo en valor a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal a  través da Eurorrexión co obxectivo, entre outros, de avanzar xuntos na mellora da competitividade e da proxección internacional das 750.000 empresas a un lado e outro da raia, ademais de atender as demandas en distintos ámbitos dos 6,5 millóns de habitantes deste territorio. Nesta liña, incidiu no traballo realizado desde a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que, precisamente, entre os seus retos inclúe a importancia de cooperar en eidos como a economía e a industria. 

Na súa intervención, Diego Calvo tamén fixo referencia á importancia da coordinación entre España, Portugal, Francia, e Irlanda para o desenvolvemento dunha Macrorrexión Atlántica que permita acadar un espazo de cooperación para un territorio con retos compartidos e para os que se precisan solucións comúns.

Por outra parte, tamén abordou a necesidade de defender o papel central das rexións na planificación e xestión dos fondos europeos no novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034, así como unha asignación financeira suficiente da política de cohesión e as políticas agraria e pesqueira.

Por último, respecto á conectividade na franxa atlántica, o conselleiro manifestou que merece especial atención pola necesidade de contar con conexións ferroviarias modernas que contribúan a mellorar a competitividade dos territorios. Nesta liña, considera que para conectar Galicia co resto de Europa e tamén a nosa comunidade co norte de Portugal é fundamental avanzar en infraestruturas estratéxicas prioritarias como o Corredor Atlántico ou o tren de alta velocidade entre Vigo e Porto. Por iso, por unha parte, a Xunta leva tempo reclamando concrecións sobre os compromisos de investimentos e un cronograma realista e actualizado sobre o Plan Director do Corredor Atlántico. Canto á conexión de alta velocidade con Portugal indicou que a demora acumulada na saída sur de Vigo retrasa polo menos ata 2037 a súa posta en marcha e ata 2038 a do conxunto da liña de alta velocidade Vigo-Porto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026