A Xunta impulsa en Chantada a técnica tradicional do esgrafiado de paredes
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata o espazo dos Casares, onde hoxe remata o curso impartido pola artista Gloria García Lorca, pola ceramista Loaira Pérez e pola artesá especialista en construción Carola Carrot
O curso estivo orientado á experimentación con técnicas antigas e artesanais para a súa posterior aplicación a linguaxes contemporáneas
A visita serviu para lembrar a nova liña de axudas cun orzamento de 1 M€ para contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais, con prazo de solicitude aberto deica o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito
Chantada (Lugo), 18 de xullo de 2026
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta tarde ata o espazo dos Casares en San Cristovo de Mouricios (Chantada), onde hoxe remata o curso Queda a pegada, impartido pola artista Gloria García Lorca, pola ceramista Loaira Pérez —do obradoiro Raposiñas (A Pobra do Caramiñal)— e pola artesá Carola Carrot, especializada no ámbito da construción. O curso propón unha viaxe cara a dentro da parede para protexela, arroupala e embelecela, na que tiveron unha importancia clave as referencias populares e artesanais.
A actividade —organizada pola Fundación Artesanía de Galicia, en colaboración coa Galería Vilaseco— centrouse así no esgrafiado de paredes, non só como efecto embelecedor senón tamén como protección fronte á humidade e a erosión. Dende o pasado xoves, as persoas participantes experimentaron con técnicas antigas e artesanais para a súa posterior aplicación a linguaxes contemporáneas.
Docentes
Nada en Nova York durante o exilio da súa familia, Gloria García Lorca estudou Literatura e Arte antes de trasladarse a Madrid en 1967, onde vive e traballa como artista, poeta e tradutora. Nas últimas décadas as súas pezas céntranse principalmente no campo da escultura, creando obras en cerámica en distintos formatos e cunha certa consistencia arquitectónica. O seu traballo está presente en coleccións institucionais e particulares, así como en feiras, bienais e mostras colectivas, tanto nacionais como internacionais.
Loaira Pérez é ceramista e a súa práctica desenvólvese arredor da investigación material e dos procesos técnicos como linguaxe creativa. Formada en Belas Artes, Conservación e Restauración de Bens Culturais e Deseño, especializouse en cerámica a través do Mestrado en Cerámica: Arte e Función da Euskal Herriko Unibertsitatea, onde comezou a traballar a arxila desde unha perspectiva artística e funcional. Desde o ano 2019 lidera con Abelardo Pérez o obradoiro Cerámica Raposiñas, onde desenvolve proxectos propios e colaboracións con artistas, marcas e institucións, combinando técnicas tradicionais de reprodución cerámica con ferramentas dixitais. En 2020 resultou gañadora da Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia, o que lle permitiu seguir formándose en Portugal.
Por último, Carola Carrot é artesá no ámbito da construción. Especializada en revestimentos de materiais naturais como a cal e a arxila, combina oficio e experimentación para as súas creacións e, desde hai máis dunha década, traballa na recuperación, no estudo e na aplicación das técnicas tradicionais. Carola ten realizado numerosos murais con deseños propios ou en colaboración con artistas de distintas disciplinas, explorando todas as posibilidades do material e da técnica.
Nova liña de apoios
A visita ao curso de Chantada que remata hoxe serviu para lembrar que a Xunta puxo en marcha este ano, por primeira vez, unha liña específica dotada con 1 M€ dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional destinada a incentivar contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais.
En concreto, subvencionaranse contratos a xornada completa durante un mínimo de 12 meses en obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, coa previsión de beneficiar unhas 50 persoas. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito.