Medio Rural impulsa unhas xornadas para poñer en valor o selo artesanía alimentaria a través da divulgación e a degustación dos seus produtos

A iniciativa “Aula Aberta” achegará ao público os derivados cárnicos e lácteos artesanais da man de produtores, investigadores e centro tecnolóxicos

A primeira sesión celebrarase o 21 de xullo no Centro Tecnolóxico da Carne, en San Cibrao das Viñas (Ourense), centrada nos derivados cárnicos; e o 24 de xullo terá lugar a segunda, dedicada aos produtos lácteos, no Centro Colaborativo de Friol (Lugo)

Santiago de Compostela , 19 de xullo de 2026.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza este mes de xullo as xornadas "Aula Aberta. Xornadas de divulgación e degustación de produtos alimentarios artesanais", unha iniciativa orientada a divulgar o selo Artesanía Alimentaria e a dar a coñecer o valor engadido dos produtos elaborados baixo este distintivo de calidade. De carácter gratuíto e abertas ao público mediante inscrición previa, combinarán relatorios técnicos, experiencias de produtores e degustacións comentadas.

A primeira sesión celebrarase o 21 de xullo no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas (Ourense), e estará centrada nos derivados cárnicos, coa participación das empresas artesanais Ánades Galicia, CienPorCel e Embutidos Navia de Suarna, ademais do propio CTC. A segunda terá lugar o 24 de xullo no Centro Colaborativo de Friol (Lugo), con retransmisión en liña, e dedicarase aos derivados lácteos, coa participación de Airas Moniz, Condado Paradanta, Xeou! e da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia reforza a súa aposta pola Artesanía Alimentaria como figura de calidade diferenciada, que permite conservar o saber facer tradicional, impulsar a innovación desde a tradición e ofrecer aos consumidores produtos elaborados mediante procesos artesanais, con identidade propia e un elevado valor engadido. Ademais, preténdese favorecer o encontro entre produtores, profesionais e consumidores.

Na actualidade, Galicia conta con 149 operadores inscritos, 266 artesáns alimentarios recoñecidos e 26 categorías de produtos reguladas ao abeiro da Artesanía Alimentaria, consolidando un modelo que contribúe á diversificación económica, á xeración de oportunidades no rural e á valorización das producións locais.

As persoas interesadas poden consultar o programa e formalizar a súa inscrición a través na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeoNuFMkX0ifndtdSsMBjT0xkENQjXKd4TnOrcLn5mm3Vt8gg/viewform.

Departamento:
C. do Medio Rural
Data de actualización: 19/07/2026