A Xunta pon en marcha o foro interactivo B2B para facilitar e axilizar o contacto directo entre os membros da Alianza galega polo clima

Neste novo punto de encontro dixital os membros da Alianza poderán, entre outras cuestións, intercambiar coñecemento e experiencias, crear novas conexións, impulsar e compartir avances e debater sobre temáticas de interese

A Alianza galega polo clima ten o obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o foro interactivo B2B que ten como obxectivo facilitar e axilizar o contacto directo entre os membros da Alianza galega polo clima, que suma xa máis de 260 entidades adheridas.

Este foro, ao que se pode acceder a través da Plataforma tecnolóxica polo clima, busca actuar como punto de encontro dixital no que os membros da Alianza poidan, entre outras cuestións, intercambiar coñecemento e experiencias, crear novas conexións, impulsar e compartir avances e debater sobre temáticas de interese.

En concreto, este foro articúlase en base a tres áreas: directorio, canle de mensaxería privada e foro. No primeiro inclúese unha ficha técnica de cada unha das entidades adheridas á Alianza con información sobre a súa actividade, así como os datos de contacto. Ademais, tamén se inclúe unha ligazón que permite a apertura dunha canle de comunicación a través da que manter unha conversación privada de forma rápida e sinxela coa que poder crear novas sinerxías.

Pola súa banda, a sección do Foro está concibida como un espazo participativo que ten como obxectivo o fomento da comunicación e o intercambio de información entre todos os socios. Entre as posibilidades que se promoven estaría a exposición de dúbidas ou consultas sobre temáticas de interese común, o intercambio de experiencias e boas prácticas, información sobre iniciativas propias ou a invitación ao resto de membros a xornadas, eventos, reunións ou actividades organizadas por algunha entidade.

Esta nova ferramenta interactiva, á que xa poden acceder os membros da Alianza, vén reforzar a aposta pola colaboración na que se basea esta iniciativa promovida pola Xunta. Nese senso, cómpre lembrar que a Alianza galega polo clima, posta en marcha no ano 2022, e que conta xa con máis de 260 entidades adheridas entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas, ten o obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

Pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Data de actualización: 21/07/2026