Lara Meneses celebra “un verán de recórd” con máis de 1.960 nenos e nenas desfrutando dos campamentos ‘Modo Verán Activo’ na provincia de Lugo
A directora xeral de Xuventude destaca a importancia “de ofrecerlle á cativada e mocidade propostas que combinen ocio e educación non formal”
Trátase dunha das modalidades do programa ‘Modo Verán Activo’, que este ano aumentou en 300 as súas prazas, ata as 11.932 en toda a Comunidade, a maior cifra da historia
Ribadeo (Lugo), 21 de xullo de 2026
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo hoxe en valor “a variedade e calidade dos campamentos Modo Verán activo, nunha campaña de récord que este ano ofrece máis de 1960 prazas na provincia de Lugo”. Fíxoo na súa visita aos participantes dos campamentos xuvenís Multiaventura: ambiente e mar e Acampada a carón do mar, onde lembrou que se trata dunha das propostas da campaña de verán da Xunta, que conta cunha oferta total de 11.932 prazas, 302 máis que o pasado ano.
Así, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou a importancia “de ofrecerlle á cativada e mocidade propostas que combinen ocio e educación non formal con actividades de moi diversa índole coma culturais, ambientais, deportivas ou culinarias”.
Neste senso, as instalacións de A Devesa (Ribadeo) acollen este verán Multiaventura: ambiente e Mar, Acampada a carón do mar e Endevésate co mar, tres campamentos que contarán con sete quendas en total desde o día 1 de xullo ata o 7 de agosto. Así, congréganse un total de preto de 500 rapaces e rapazas que participarán en actividades náuticas, coma surf ou bodyboard, de aventura e natureza, escalada en rocódromo, slackline, tiro con arco ou cometas de tracción, ademais de realizar diferentes propostas lúdicas como xogos ou tempo libre na praia. Ademais, as instalacións de Ribadeo acollerán do 27 ao 30 de agosto o campamento Surf na Mariña, con 40 prazas para mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos .
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aproveitou tamén para visitar o campamento Naturarea: Ambiente Mariño e Naútica, situado no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro, onde saudou á segunda quenda das cinco totais coas que conta este programa e que ofrece un total de 500 prazas. Así, nestas instalacións os mozos e mozas participantes poden realizar actividades náuticas, mariñas e deportivas, ademais de saídas a praia e excursións.
Un verán con actividades ata os 30 anos
A maior oferta da campaña Modo Verán Activo correspóndese coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións. Compleméntase cos minicampamentos Coñece Galicia unha modalidade que permite ofrecer unha proposta lúdico formativa en espazos naturais cunha duración de cinco días, que este ano chegan ás 876 prazas. Tamén se lle dá continuidade ao paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas, e aos campos de voluntariado, destinados a persoas maiores de 18 anos, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria ata as 815 entre Galicia, outras Comunidades Autónomas e o estranxeiro.
Ademais desta oferta directa, con 1.270 prazas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas.