O director xeral de Loita contra a Violencia de xénero e a alcaldesa entregaron as certificacións acreditativas

A Xunta destaca que unha vintena de profesionais de Ribeira participaron nas formacións contra as violencias sexuais e lgbtifóbicas no ocio nocturno

Roberto Barba sinalou que hai máis dunha ducia de establecementos de lecer neste concello adheridos ao protocolo do Goberno galego

Ribeira (A Coruña), 21 de xullo do 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, entregaron as certificacións acreditativas á vintena de profesionais que participaron nas formacións contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas no ocio nocturno.

Roberto Barba explicou que estas formacións para persoal do sector están enmarcadas dentro do Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas impulsado pola Xunta para fomentar espazos de lecer máis seguros. Deste xeito, o plan elaborado polo Goberno galego facilita a resposta coordinada e áxil ante calquera agresión que poida supoñer un risco.

Neste sentido, o director xeral agradeceu a implicación do Concello de Ribeira por colaborar na difusión deste protocolo ao que xa se adheriron máis dunha decena de establecementos. Así, puxo en valor que neste municipio xa se impartiron tres edicións destas formacións para profesionais o que amosa, recalcou, a boa acollida deste plan e a participación social para erradicar calquera manifestación de violencia.

Data de actualización: 21/07/2026