A Xunta resalta a importancia do traballo conxunto de toda a sociedade para evitar calquera tipo de violencia de xénero

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu á presentación da I Carreira Solidaria 4,4K ActivAemos, organizada pola Asociación de Empresarios de Mos

Mos (Pontevedra), 2 de outubro de 2026

O director de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asistiu hoxe á presentación da I Carreira Solidaria 4,4K ActivAemos contra a Violencia de Xénero, organizada pola Asociación de Empresarios de Mos (Aemos), onde resaltou a importancia de potenciar ao máximo o traballo conxunto de toda a sociedade para evitar calquera tipo de violencia contra as mulleres e poñer todos os recursos posibles a disposición das vítimas.

A iniciativa, que terá lugar o vindeiro 11 de outubro, ten como obxectivo visibilizar a loita contra a violencia de xénero e apoiar proxectos de inserción sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade. Metas que comparte a Xunta, que, lembrou Roberto Barba, leva anos impulsando unha política moi activa no ámbito da violencia contra as mulleres, apostando pola sensibilización, a prevención, a detección e a atención as vítimas.

Así, destacou que Galicia foi o primeiro territorio do Estado en ofrecer unha prestación económica periódica anual para todas as vítimas e lembrou, entre outras medidas, a activación de cinco centros de crise 24 horas, a elaboración dun protocolo específico para combater a violencia machista nas mulleres con discapacidade e doutro con pautas de actuación para as policías locais, o impulso dos Centros de Información á Muller (CIM) móbiles e a creación da primeira rede de empresas na loita contra a violencia de xénero, con máis de 320 empresas adheridas e vinculando de forma directa a máis de 300.000 traballadores e traballadoras.

Data de actualización: 02/10/2026