A Xunta insta o Goberno a incrementar o ritmo investidor no Corredor Atlántico en Galicia para non lastrar o futuro e a competitividade da comunidade

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na presentación do programa POCTEP, orientado a impulsar o Corredor Atlántico do Noroeste e a conexión ferroviaria entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal

Volve reclamar un Plan Director con investimentos, prazos concretos e maior transparencia na execución das obras

Denuncia que os continuos atrasos e incidencias ferroviarias lastran a competitividade de Galicia e prexudican a cidadanía

A futura Oficina Técnica do Ferrocarril impulsará o transporte ferroviario de mercadorías e reforzará a cooperación co Norte de Portugal e Castela e León

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe no acto de presentación do Programa de Cooperación Interreg España-Portugal (POCTEP) destinado a impulsar o Corredor Atlántico do Noroeste e a conexión ferroviaria entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal. Durante a xornada, organizada polo Clúster da Función Loxística de Galicia, interveu na mesa redonda O papel das administracións como axente facilitador, na que defendeu a necesidade de que Galicia conte dunha vez por todas coas infraestruturas ferroviarias que precisa para mellorar a súa competitividade e a conexión co resto de Europa. Na apertura do encontro participou tamén a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela.

Na súa intervención, Diego Calvo advertiu de que Galicia non pode seguir asumindo o atraso das actuacións ferroviarias estratéxicas nin o insuficiente ritmo de investimento do Estado, que fai imposible que se cumpran os prazos previstos para o desenvolvemento do Corredor Atlántico. Neste sentido, reiterou a reclamación da Xunta dun Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia, con actuacións definidas, investimentos concretos e un calendario de execución transparente que permita facer un seguimento real dos compromisos adquiridos.

O conselleiro lembrou que os últimos datos coñecidos a través dos medios apuntan o freo do investimento estatal, xa que o Goberno licitou en Galicia no ano 2025 pouco máis de 106 millóns de euros para actuacións do Corredor Atlántico ferroviario, practicamente a metade que o ano anterior, unha cifra moi afastada do ritmo necesario para cumprir o obxectivo marcado polo propio Ministerio de completar as actuacións antes de 2030.

Tamén incidiu en que Galicia continúa acumulando atrasos en proxectos fundamentais para o seu desenvolvemento, como a prolongación do Eixo Atlántico ata Ferrol ou a conexión ferroviaria de alta velocidade con Portugal. Neste último caso, lamentou que ao ritmo do Goberno de España a finalización do tramo Vigo-Porto non poderá producirse,  como moi pronto, ata 2038, incumprindo os compromisos anunciados e retrasando unha infraestrutura estratéxica para a mobilidade de persoas e mercadorías.

Ademais, Diego Calvo criticou que o Goberno central continúe adoptando decisións sobre a planificación ferroviaria sen diálogo coas comunidades autónomas nin a transparencia necesaria. Nesta liña, lembrou tamén que Galicia leva meses reclamando explicacións polas continuas incidencias, atrasos e interrupcións rexistradas nos servizos ferroviarios, sen obter información técnica nin un calendario de medidas correctoras por parte do Ministerio.

O conselleiro subliñou que estas deficiencias non só prexudican a mobilidade da cidadanía, senón que tamén restan competitividade ao tecido empresarial galego e limitan as oportunidades de desenvolvemento económico dun territorio no que a actividade loxística e exportadora ten un peso determinante.

Oficina Técnica do Ferrocarril

Fronte a esta situación, asegurou que a Xunta continuará impulsando iniciativas para favorecer unha maior utilización do transporte ferroviario e reforzar a cooperación institucional. Entre elas destacou a futura Oficina Técnica do Ferrocarril, unha ferramenta liderada pola Xunta para ofrecer asesoramento especializado e apoio técnico a empresas e administracións, facilitando a incorporación do tren ás cadeas loxísticas e promovendo novas oportunidades de desenvolvemento vinculadas ao transporte ferroviario de mercadorías. A oficina prestará servizo aos distintos axentes da Función Loxística de Galicia e ofrecerá tamén apoio especializado ao Norte de Portugal e a Castela e León.

Diego Calvo defendeu tamén o papel das rexións como impulsoras das grandes infraestruturas estratéxicas e destacou que Galicia, o Norte de Portugal e Castela e León comparten intereses comúns e deben seguir actuando cunha soa voz para reclamar o cumprimento dos compromisos e acelerar a execución das actuacións pendentes. Neste sentido, asegurou que o proxecto presentado hoxe supón un paso máis para reforzar esa alianza, na que participan administracións e sector empresarial, co obxectivo de que o noroeste peninsular ocupe o lugar que lle corresponde nos grandes corredores europeos de transporte.

Impulso ao Corredor Atlántico

O proxecto Impulso do Corredor Atlántico do Noroeste e do conector ferroviario Galicia-Norte de Portugal, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),  enmárcase no Programa de Cooperación Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 e ten como obxectivo reforzar a cooperación entre Galicia, o Norte de Portugal e Castela e León para acelerar o desenvolvemento do Corredor Atlántico e mellorar a mobilidade ferroviaria de mercadorías e pasaxeiros.

A iniciativa permitirá avanzar na planificación de actuacións estratéxicas, favorecer a coordinación entre administracións e eliminar obstáculos que dificultan a conectividade ferroviaria transfronteiriza. Conta cun orzamento próximo aos 1,3 millóns de euros, desenvolverase ata finais de 2028 e está coordinada polo Clúster da Función Loxística de Galicia, coa participación de dez entidades das tres rexións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2026