Medio Rural destaca a Artesanía Alimentaria como unha das claves da estratexia galega de calidade diferenciada
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á primeira xornada Aula Aberta no Centro Tecnolóxico da Carne, centrada nos derivados cárnicos e dirixida recoñecer os produtos elaborados baixo este selo
A segunda sesión terá lugar o vindeiro venres 24 no centro Colaborativo de Friol, e xirará arredor dos produtos lácteos
San Cibrao das Viñas (Ourense), 21 de xullo de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na primeira sesión de Aula Aberta. Xornadas de divulgación e degustación de produtos alimentarios artesanais, celebrada no Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en San Cibrao das Viñas (Ourense), e que estivo centrada nos derivados cárnicos. Alí destacou que a Artesanía Alimentaria forma parte da estratexia da Xunta para impulsar a calidade diferenciada como ferramenta para mellorar a competitividade do sector agroalimentario, xerar valor engadido e fortalecer a identidade dos produtos galegos.
Durante a súa intervención, sinalou que o reto do sector agroalimentario é conseguir que o consumidor escolla os nosos produtos porque identifica neles autenticidade, identidade e confianza. Neste contexto, destacou que Galicia conta cun dos sistemas de calidade diferenciada máis completos de España, integrado por 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, ás que se suman a produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria, figuras que contribúen a diferenciar os produtos galegos e incrementar o seu valor no mercado.
A xornada combinou contidos técnicos sobre a regulación da Artesanía Alimentaria con experiencias empresariais e exemplos de innovación aplicada ao sector cárnico, da man das empresas Ánades Galicia, CienPorCel e Embutidos Navia de Suarna, ademais do Centro Tecnolóxico da Carne.
A segunda sesión destas Aulas Abertas terá lugar o vindeiro 24 de xullo no Centro Colaborativo de Friol (Lugo), con retransmisión en liña, e estará dedicada aos produtos lácteos, coa participación de Airas Moniz, Condado Paradanta e Xeou!, xunto coa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela.
Ligazón de inscrición:
https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeoNuFMkX0ifndtdSsMBjT0xkENQjXKd4TnOrcLn5mm3Vt8gg/viewform