A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe a actuación executada no viario

A Xunta remata as obras de acondicionamento da estrada LU-710 ao paso por Baralla, nas que investiu un orzamento de máis de 3 M€

Actuouse no treito inicial da estrada, de 4,5 quilómetros, coa ampliación da plataforma, a intervención sobre o sistema de drenaxe, a renovación do firme, a execución de novos muros de contención e nova sinalización

Allegue subliña a transformación do viario coas intervencións executadas e destaca o compromiso da Xunta en conservación e melloras para incrementar a seguridade, conectividade e funcionalidade dos viarios autonómicos

Lembrou que a Xunta está a actuar na LU-540 entre Viveiro e Ourol e ten en marcha na actualidade intervencións de reforzos de firme por 6M€ en seis estradas da provincia lucense ao paso por quince concellos

Baralla (Lugo), 22 de xullo de 2026

A Xunta remata as obras de acondicionamento da estrada autonómica LU-710 ao seu paso polo concello de Baralla, nas que investiu un orzamento de máis de 3M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou hoxe a actuación executada no viario.

En concreto, interveuse de xeito integral no treito inicial desta estrada ao longo de 4,5 quilómetros para mellorar as condicións de seguridade, funcionalidade e capacidade do viario. Co fin da obra ábrese o tramo ao tráfico xeral, xa que ata o momento con motivo das obras estaba restrinxida a circulación á usuarios da contorna.

As actuacións incluíron a ampliación da plataforma para dispoñer de dous carrís de circulación de 3 metros de ancho e beiravías de 0,50 metros, e fixéronse correccións puntuais do trazado para mellorar a visibilidade e a seguridade. Tamén se executou a renovación completa do firme e unha actuación integral sobre o sistema de drenaxe.

Ademais, executáronse novos muros de contención e sostemento, mellorouse a conexión coa estrada N-VI e a intervención completouse coa renovación da sinalización horizontal e vertical.

A conselleira subliñou a transformación deste viario coas intervencións executadas e destacou o compromiso da Xunta en conservación e melloras para incrementar a seguridade e funcionalidade dos viarios autonómicos. “Seguiremos traballando -destacou- para seguir vertebrando Galicia, seguir a mellorar e a incrementar a competitividade e a conectividade, ademais da seguridade viaria tanto para os usuarios das estradas como para os peóns”.

Actuacións en marcha na provincia

Citou que tamén na provincia lucense, a Xunta está a executar a mellora da seguridade na estrada LU-540, entre Viveiro e Ourol, na que inviste 8,2M€. Ademais, proximamente iniciaranse os traballos do último tramo da autovía entre Lugo e Sarria, correspondente ao desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, nas que investirá 37,7M€.

Ademais, a Administración autonómica ten en marcha actuacións de reforzo de firmes por 6M€. Deste xeito, están en execución as obras de reforzo de firme en 3 estradas (LU-021, LU-115 e LU-541) ao paso por Outeiro de Rei, Vilalba, Castro de Rei, Lugo e Begonte, cun investimento de 2,4M€. E a Xunta acaba de adxudicar por máis de 3,3M€ os traballos para reforzar o firme noutras tres estradas (LU-633, LU-546 e LU-621) ao paso por dez concellos da provincia, entre eles o de Baralla, xunto aos do Corgo, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria, Triacastela e Monforte de Lemos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026