Román Rodríguez demanda un maior apoio financeiro do Goberno central para as universidades e volve advertir do “deterioro educativo” xerado pola Lomloe

O conselleiro de Educación participa en Murcia nunha xornada organizada pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, onde cuestionou as últimas reformas lexislativas a nivel estatal e concretou as iniciativas levadas a cabo pola Xunta

Murcia, 22 de xullo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, demanda unha maior implicación financeira do Goberno central coas universidades públicas que, no caso de Galicia, asume “case integramente” o Goberno da Xunta, ao tempo que advirte do “deterioro da calidade educativa” que está a xerar a Lomloe logo de cinco anos desde a súa entrada en vigor.

O titular de Educación da Xunta participou hoxe en Murcia nunha xornada organizada pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo, onde cuestionou as últimas reformas lexislativas do Goberno central tanto no que atinxe ao eido universitario como ao non universitario, e que está tendo “consecuencias negativas que impactan directamente na preparación académica dos estudantes”.

En canto ao sistema universitario, denunciu o modelo “ríxido e obsoleto” da última Lei orgánica, a LOSU,  que non abre a porta a reformas reais e “cárganos ás comunidades autónomas con todo o esforzo financeiro”. “Somos as que planificamos, financiamos e acompañamos ás universidades públicas no día a día, pero non podemos impulsar reformas reais nin adaptar o sistema ás nosas necesidades”, abondou.

Román Rodríguez advertiu tamén da situación que se está a dar no ensino, derivado da última reforma normativa estatal cunha lei que “non promove a calidade, o esforzo e a igualdade de oportunidades”. Neste senso, subliñou que os continuos cambios legais impostos polo Goberno central sen ningún tipo de diálogo e “usados como moeda de cambio a nivel político, máis cedo que tarde van ter repercusións negativas” no sistema educativo.

Fronte a esta forma de traballar, defendeu que a folla de ruta da Xunta en materia educativa sostida na anticipación, a planificación e o diálogo está a permitir avanzar en melloras estruturais de calado como a redución das ratios, a mellora da atención á diversidade e a blindaxe do ensino rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026