A directora xeral de Xuventude visitou as instalacións de Espiñeira, en Boiro, onde se desenvolven varias actividades no marco da campaña ‘Modo Verán Activo’

Lara Meneses destaca a perspectiva “lúdica, social e educativa” duns campamentos que contan con 2.820 prazas na provincia da Coruña

Trátase dunha modalidade que ten capacidade para 8.050 nenos e nenas este verán en toda Galicia, 173 máis que o ano pasado

A oferta responde, puntualiza, “ao gran éxito e demanda destas iniciativas coas que pretendemos dar cada vez máis oportunidades de gozar de experiencias únicas”

En total, o equipamento acolle 498 participantes nas propostas programadas estes meses estivais

Ademais, acompaña a mocidade que tomou parte no campo de voluntariado ‘Amicos’ que vai, apunta, “en liña cos valores que transmitimos desde a Xunta”

Boiro (A Coruña), 22 de xullo de 2026

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, achegouse hoxe ás instalacións xuvenís de Espiñeira, en Boiro, onde acompañou os participantes no campamento Candilexas, “unha das propostas da campaña Modo Verán Activo, que conta na provincia da Coruña cun total de 2.820 prazas nesta modalidade, repartidas en 12 espazos”, explicou.

Deste xeito, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que a oferta total deste ano nesta categoría, destinada á mocidade de entre 9 e 17 anos, “continuou a medrar, con 173 prazas máis que no anterior, chegando ás 8.050”, respondendo así, engadiu, “ao éxito e gran demanda que teñen este tipo de iniciativas en cada campaña, de maneira que poidamos ofrecer cada vez máis oportunidades para gozar de experiencias únicas e de calidade”.

Unha desas experiencias é a de Boiro, onde 120 nenos e nenas están a piques de rematar a segunda das catro quendas desta actividade que inclúe desde as artes escénicas, con teatro, danza ou maxia,  ata outras accións de aventura e deportivas como son o tiro con arco, a festa da escuma, o volei ou os papaventos. Ademais, tal e como indicou Lara Meneses, “a rapazada tamén goza de excursións pola contorna, de maneira que combinamos o contacto coa natureza coa convivencia desde unha perspectiva lúdica, social e educativa”.

Neste senso, a directora xeral de Xuventude puntualizou que este equipamento recibirá durante todo o verán 498 nenos e nenas, entre eles os que tomarán parte entre agosto e setembro doutra das súas propostas, o campamento Talentia. Trátase dun proxecto que inclúe dinámicas de grupo co actor Rubén Riós e con outros convidados vencellados á interpretación, á música, á lingua ou ás redes sociais.

120 prazas nos campos de voluntariado

Por outra banda, Lara Meneses tamén estivo presente no Parque Natural de Corrubedo na última xornada do campo de voluntariado Amicos, incluído na oferta de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e no que participaron 15 mozos e mozas. Durante a visita, a responsable de Xuventude destacou “as sete edicións dunha iniciativa que vai na liña dos valores que queremos transmitir desde a Xunta, xa que une o espírito voluntario, a inclusión social e o respecto polo medio ambiente”.

Así, nestes días, os participantes puideron realizar accións de sensibilización e conservación ambiental coa recollida de residuos en praias e montes ou a identificación de especies mariñas, sumadas a visitas culturais e patrimoniais, obradoiros, xogos e dinámicas de grupo.

Os campos de voluntariado conforman unha das opcións da campaña Modo Verán Activo para maiores de 18 anos, cun total de 815 prazas entre as ofertadas en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro, 120 delas contabilizadas en oito enclaves da provincia da Coruña. Así mesmo, cómpre lembrar que entre os campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, uso de instalacións xuvenís e actividades alternativas para maiores de 18, a Xunta de Galicia chegou á maior cifra da historia da súa oferta de verán, acadando as 11.932 prazas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026