A Xunta licita por máis de 641.000 euros a redacción do proxecto e dirección de obra do novo centro de saúde de Ponteareas
O obxectivo é dotar este municipio dun centro de saúde máis amplo e accesible para substituír o actual, que ten máis de 35 anos de antigüidade e carece de capacidade para habilitar novos espazos cos que medrar en servizos sanitarios
O novo centro de saúde construirase na parcela cedida polo Concello de Ponteareas e terá unha superficie construída estimada en máis de 5.700 m2 e un orzamento de execución material de 8,6 millóns de euros
Prevese contar cunha área de adultos con 14 consultas de medicina de familia, 14 de enfermería, farmacia, cirurxía menor e toma de mostras, entre outros espazos
A área de pediatría contará con 4 consultas médicas, 3 de enfermería, 1 de paciente respiratorio e sala de lactancia, contando tamén o centro con área da muller e de fisioterapia
O inmoble albergará tamén o Punto de Atención Continuada, a base do 061, a unidade de saúde mental e a unidade de conductas adictivas
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 25 de agosto para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026
A Xunta publica hoxe no Portal de contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 641.587,26 euros da contratación dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra de construción do novo centro de saúde de Ponteareas, en Pontevedra.
O expediente prevé un prazo dun mes e medio para a redacción do proxecto básico e dous meses para a redacción do proxecto básico e a execución. O servizo de dirección de obra estará vixente ata a finalización dos traballos de construción.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 25 de agosto para presentar as súas ofertas.
Con esta contratación, o Servizo Galego de Saúde ten como obxectivo dotar os veciños e veciñas de Ponteareas dun centro de saúde máis amplo e accesible para substituír o actual, que ten máis de 35 anos de antigüidade e carece de capacidade para habilitar novos espazos cos que medrar en servizos sanitarios.
O novo centro de saúde construirase na parcela cedida ao Servizo Galego de Saúde polo Concello de Ponteareas. Terá unha superficie construída estimada en máis de 5.700 m2 e un orzamento de execución material de 8,6 millóns de euros.
O plan funcional elaborado polo Servizo Galego de Saúde prevé a dotación dunha área de adultos con 14 consultas de medicina de familia e outras tantas de enfermería, ademais de consulta de farmacia, sala de toma de mostras, sala de cirurxía menor e salas polivalentes. Terá tamén consultas de respiratorios, de odontoloxía, de hixiene dental e de radioloxía, entre outros espazos.
O novo centro contará tamén cunha área pediátrica con catro consultas médicas, tres de enfermería e sala de respiratorio, ademais dunha sala de lactancia.
Ademais, o inmoble albergará o Punto de Atención Continuada e a base do 061, xunto coa Unidade de Saúde Mental e a Unidade de Conductas Adictivas.