Villares visita aos participantes no II Campus Internacional de Baloncesto ‘Sublime’ en Ribadeo

Ribadeo (Lugo), 22 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou esta tarde aos participantes na segunda edición do Campus Internacional de Baloncesto Sublime que se está a desenvolver en Ribadeo desde o pasado domingo. A Administración autonómica colabora un ano máis con esta iniciativa impulsada polo ex xogador profesional lucense Pablo Ferreiro e polo campión da NBA Payton Pritchard.

O campus reúne nesta edición a 60 mozos e mozas, de entre 12 e 19 anos, procedentes de distintos puntos de Galicia, do resto de España e tamén de países como Suíza ou Estados Unidos. Once deles pertencen ao Club Baloncesto Ría de Ribadeo.

Trátase dun campus de tecnificación dirixido a xogadores con experiencia previa, que teñen a oportunidade de perfeccionar o seu xogo a través dun programa específico de adestramentos impartido por un equipo internacional de profesionais, que combina metodoloxías do baloncesto europeo e americano, un aspecto que define o carácter único e diferenciador desta proposta. Así, as sesións están codirixidas por dous técnicos de referencia: o europeo Josep Raventós e o estadounidense Casey Trujeque.

A programación deportiva do campus -que se desenvolve en dous pavillóns do concello de Ribadeo- complétase con actividades de convivencia e lecer, entre as que figuran visitas ao Camiño Norte ou a distintos enclaves de Ribadeo e da súa contorna.

Durante a visita, Alfonso Villares intercambiou impresións cos participantes e puxo en valor este proxecto como “unha excelente oportunidade para que mozos e mozas de diferentes procedencias compartan experiencias e continúen a súa formación deportiva da man de profesionais de primeiro nivel”. Así mesmo, destacou o compromiso da Xunta co apoio a iniciativas “que contribúen a dinamizar os nosos concellos, promover hábitos de vida saudables entre a mocidade e proxectar a imaxe da provincia a través do deporte”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026