A Xunta destina preto de 24.000 euros á mellora das instalacións de dúas asociacións veciñais da Lama

Preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra recibiron un total de máis de 1,7 millóns de euros para mellora das súas instalacións e compra de material

O delegado territorial destacou o importante papel deste tipo de entidades para evitar o éxodo dos lugares máis afastados das zonas urbanas

A Lama (Pontevedra), 22 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá as instalacións da Asociación Centro Cultural de Veciños do Pelete e da Asociación de Veciños de Laxedo, no concello da Lama, beneficiarias das axudas da Xunta destinadas á mellora das infraestruturas das entidades veciñais.

Ao abeiro desta convocatoria, a Asociación Centro Cultural de Veciños do Pelete recibiu unha achega de 12.000 euros para o acondicionamento da cuberta da Casa do Pobo do Pelete, unha contía similar á recibida pola Asociación de Veciños de Laxedo  para a adecuación da aula da Casa do Pobo de Borela.

Estas axudas, xestionadas pola Dirección Xeral de Administración Local, teñen como obxectivo contribuír á conservación, mellora e modernización dos locais sociais, favorecendo que as entidades veciñais dispoñan de espazos adecuados para desenvolver as súas actividades e prestar servizo á veciñanza.

Cabe destacar que estas subvencións chegaron a un total de preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra, cun investimento global superior aos 1,7 millóns de euros, entre a liña destinada á execución de obras e a orientada á adquisición de equipamento e material.

Durante a visita, o delegado territorial agradeceu o labor que desenvolven as asociacións veciñais e destacou que "o seu traballo resulta fundamental para manter vivos os nosos pobos, fortalecer a convivencia e dinamizar a vida social e cultural do rural". Neste sentido, lembrou que a Xunta continuará apoiando este tipo de entidades, "que son un piar esencial para fixar poboación e mellorar a calidade de vida da veciñanza".

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026